A Deputación pon en marcha esta fin de semana os primeiros percorridos do programa provincial “+Bosques”

A iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, ten todas as prazas cubertas para as saídas de xuño e xullo.

19/06/2024

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana os primeiros percorridos do novo programa provincial “+Bosques”. Trátase dunha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques” a través de preto de 40 percorridos entre este mes e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), así como polo Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios de xuño e xullo teñen xa todas as prazas cubertas.

“+Bosques” comezará este sábado, 22 de xuño, cun percorrido polo río Xabriña, en Covelo, de dúas horas e media, e continuará o domingo 23 cunha ruta polo río Almofrei de tres horas de duración. A través destes dous itinerarios darase a coñecer como se conforma o territorio, a contorna na que se desenvolve a ruta, as características especiais de ambos lugares, así como cuestións relacionadas coa flora e fauna dos ríos de montaña para, a continuación, introducirse no “shinrin yoku” ou baño de bosque e como, cando e onde obter os estímulos sensoriais no bosque.

Ademais das rutas polo Xabriña e Almofrei, “+Bosques” continuará os días 29 e 30 de xuño polo Carreirón e pola Illa de Tambo. En total, ata outubro, serán preto de 40 os percorridos por sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.