A Deputación pon en marcha esta fin de semana novos percorridos do programa provincial “+Bosques” que levarán aos participantes ata o Carreirón e a Illa de Tambo

A iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, ten todas as prazas cubertas para as saídas de xuño e xullo. As inscricións para os percorridos de agosto, que terán lugar todas as fin de semana do mes, abrirán o 15 de xullo

26/06/2024

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana novos percorridos do programa provincial “+Bosques”. Trátase dunha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques” a través de preto de 40 percorridos entre este mes e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), así como polo Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios de xuño e xullo teñen xa todas as prazas cubertas e para os de agosto, que terán lugar todas as fin de semana do mes, o prazo de inscrición abre o 15 de xullo.

O sábado 29 de xuño “+Bosques”  chega ao Carreirón, na Illa de Arousa, cun percorrido de tres horas de duración que servirá para coñecer este parque natural e as características especiais do lugar, como os piñeirais e as dunas. Tamén se explicará a fauna e flora dos espazos intermareais e costeiros e, a continuación,  introducirase aos asistentes no “shinrin yoku” ou baño de bosque e como, cando e onde obter os estímulos sensoriais nestes espazos.

Pola súa banda, o domingo 30 de xuño o programa chega á Illa de Tambo, con embarque no peirao de Combarro. Este percorrido, de tres horas de duración, explicará a xeoloxía, historia e situación presente deste enclave situado na ría de Pontevedra, visitando o edificio destacamento, a ostreira, a cantina, a capela, o lazareto, a fonda, o polvorín e, entre outras localizacións, o faro. 

Ademais das rutas polo Xabriña e Almofrei, celebradas a pasada fin de semana, e dos percorridos pola Illa de Arousa e a Illa de Tambo, que terán lugar a próxima, “+Bosques” continuará en xullo con oito percorridos todos os sábados e domingos do mes. En total, ata outubro, serán preto de 40 os percorridos por sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.