A Deputación debate este xoves sobre as vocacións no marco de “Ciencia en feminino”, o programa de podcast e videopodcast que promove da man de GCiencia

Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña, serán as encargadas de abrir o programa

13/03/2024

A Deputación de Pontevedra debate este xoves sobre as vocacións no marco de "Ciencia en feminino", o programa de podcast e videopodcast que promove xunto a GCiencia para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación. Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña, serán as encargadas de abrir este programa xunto á deputada provincial Sandra Bastos. "Ciencia en feminino" poderase seguir a través de GCiencia e das súas plataformas de Facebook e Youtube, así como a través de Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.

Esta iniciativa, que promove a Deputación de Pontevedra ao abeiro da campaña "Seguimos con todas e para todas", deseñada para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, ofrecerá en total dúas charlascoloquio e dúas conferencias que afondarán, entre outras cuestións, nas vocacións femininas, no emprendemento na ciencia, na investigación no estranxeiro ou nos teitos de cristal. Así, ademais desta primeira charla-coloquio, centrada nas vocacións femininas, terá lugar outra o 4 de abril para abordar cuestións relacionadas coa investigación no estranxeiro. Neste caso daranse cita Raquel Lama, investigadora sobre a viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, investigadora sobre o cambio climático en California; e Carmen Figueiras, investigadora sobre a gripe en Londres.

No que respecta ás conferencias, a primeira delas terá lugar o 21 de marzo e terá como protagonista a Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e CEO de Hifas da Terra, que afondará no emprendemento en feminino no ámbito científico. Finalmente, o 11 de abril, Begoña Vila, astrofísica especializada no estudo de galaxias que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA, poñeralle o ramo ao programa falando sobre os teitos de cristal na ciencia e na tecnoloxía.