Luis López enxalza os cinco festivais Rías Baixas Fest: “Resumen todo o que é o noso modelo de turismo: beleza natural, gastronomía, cultura e sustentabilidade”

O presidente provincial, xunto coa deputada de Turismo, Nava Castro, participa en San Vicente na presentación dos festivais Portamérica, Atlantic Fest, Sin Sal, SonRías e Revenidas; agrupados por primeira vez baixo a marca provincial Rías Baixas Fest

04/05/2024

Presentación dos Rías Baixas Fest 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou os cinco festivais de música do verán que se celebran baixo a marca Rías Baixas Fest como o resumo perfecto de todos os atractivos turísticos da provincia. Cinco citas, Portamérica, Atlantic Fest, Sin Sal, SonRías e Revenidas; que contan co patrocinio da Deputación e que foron presentadas este sábado no Náutico de San Vicente do Grove como unha mostra da oferta cultural e turística que promove o executivo provincial.

“Os Rias Baixas Fest resumen todo o que o noso modelo de turismo é e aspira a ser: unha oferta que pon en valor a incomparable beleza natural da nosa provincia, unha proposta que integra moitas das nosas grandes fortalezas turísticas, como a nosa gastronomía; e un plan que combina actuacións de músicos de prestixio internacional ao tempo que difunde a música emerxente da nosa terra. E todo isto maridado cunha dose fundamental de sustentabilidade, que é o faro que marca a nosa folla de ruta na planificación do turismo”, afirmou Luis López para pechar unha presentación que rematou co concerto da banda pontevedresa La Mosca Valiente.

Antes de que o presidente provincial tomara a palabra, cada un dos representantes dos cinco festivais presentaron as súas ofertas. Portamérica celebrarase en na Azucreira de Portas entre o 4 e o 6 de xullo, o Atlantic Fest será en Vilagarcía do 19 ao 21 de xullo, o Sin Sal terá lugar na Illa de San Simón desde o 26 ao 28 de xullo; entre o 1 e o 3 de agosto terá lugar en bueu o SonRías e o calendario conclúe en setembro, do 12 ao 15, coa celebración do Revenidas en Vilaxoán.

“Se temos na nosa provincia unha referencia turística de primeiro nivel que xunta cultura, música e natureza, eses son os nosos festivais Rías Baixas Fest”, destacou o mandatario provincial, que recordou o apoio de arredor de 250.000 que brinda a Deputación de Pontevedra como patrocinador destes cinco festivais. Un conxunto cultural e musical que, por primeira vez este ano, están integrados nunha marca común: os Rías Baixas Fest.

Neste sentido, Luis López explicou que estes festivais son “moito máis” que tres días de concertos. “Son fonte de riqueza, emprego e crecemento económico de sectores estratéxicos como o comercio, a hostalaría, o transporte ou o turismo; son un recurso vital da nosa oferta de ocio cultural e turística para captar visitantes; e son unha referencia que posiciona ás Rías Baixas no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional”, argumentou o dirixente.

Nunha liña similar pronunciouse a deputada de Turismo, Nava Castro, que foi a encargada de abrir o acto de presentación destes cinco festivais. “Se esta provincia é unha grande referencia é grazas á suma de sinerxías do sector público e privado. É grazas á esta capacidade de traballo conxunto que somos capaces de remar cara a mesma dirección para conseguir grandes obxectivos. E isto é precisamente o que son os Rías Baixas Fest: o mellor exemplo de que sumar sinerxías nos permite medrar e nos permite ser, en definitiva, mellores”, sinalou a deputada.

O turismo crece nas Rías Baixas

Uns obxectivos conseguidos aos que o presidente Luis López fixo referencia a través das boas cifras que está a colleitar o sector turístico na provincia e que o sitúan nunha senda de crecemento máis alto que na época anterior á pandemia. “Rexistramos un 30 % máis de gasto turístico, os visitantes estranxeiros xa son un 21 % máis que no 2019 e os aloxamentos rexistraron no 2023 un 8,30 % máis de viaxeiros”, ilustrou López, convencido de que “vivimos un momento doce e as cifras demostran que todo o que busca o turista nos nosos tempos pódeo atopar nas Rías Baixas. E sen dúbida, os Rías Baixas Fest son os ingredientes estrela da nosa receita turística”.

Antes de rematar, o presidente da Deputación puxo en valor o labor de establecementos hostaleiros como o Náutico de San Vicente, anfitrión da presentación destes Rías Baixas Fest, na construción dun destino turístico de calidade, atractivo e sustentable. Ademais reiterou o apoio do organismo provincial á organización destes eventos e convidou “a todo o mundo a desfrutar duns festivais que son experiencias 100 % Rías Baixas”.

Galerias de imagenes

videos