Luis López destaca o festival PortAmérica como unha mostra da oferta turística das Rías Baixas: natureza, gastronomía e cultura

O dirixente provincial participa na Azucreira de Portas na presentación dunha cita que se celebra esta fin de semana e marca o inicio da etapa de festivais de verán na provincia

02/07/2024

presentación do festival Port America

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o festival Portamérica, englobado na marca Rias Baixas Fest que impulsa o organismo provincial, como o resumo perfecto da oferta turística das Rías Baixas, que ofrece natureza, gastronomía e cultura. O mandatario provincial vén de participar este martes, na Azucreira de Portas, no acto de presentación oficial do festival, no que compartiu unha charla distendida cos distintos colaboradores e patrocinadores deste festival para analizar o impacto positivo que Portamérica ten na comarca. “É unha mostra máis do que ofertamos desde a provincia a todos os que nos queren visitar. Estamos en verán, Rías Baixas e Pontevedra está de moda. Todo o mundo quere vir a visitarnos e vivir unha experiencia 100 % Rías Baixas”, afirmou o presidente.

“O festival Portamérica son moito máis de tres días de festa. Posiciona o noso destino Rías Baixas a todos os niveis, como unha referencia gastronómica e cultural”, sinalou o presidente López. Neste sentido, o mandatario provincial fixo fincapé tamén no feito de celebrar eventos como PortAmérica en concellos pequenos como Portas. “Desde a Deputación, por primeira vez estamos incluíndo unha estimación positiva en achegas a eses concellos do reto demográfico. E celebrar eventos como estes en concellos como Portas, vai nesta filosofía”, apuntou o dirixente, quen deu os parabéns ao alcalde, Ricardo Martínez, e a todo o seu equipo porque “sei do traballo que dá poñer isto a punto”.

O festival Portamérica celebrarase na contorna da Azucreira de Portas entre os días 4 e 6 de xullo. O evento, que ten as entradas esgotadas, ofrece tres días de concertos con grupos de primeiro nivel do panorama nacional e galego, así como un “showrocking” no que os mellores chefs de Galicia e de fóra das fronteiras porán a disposición do público as súas mellores preparacións. Todo, nun escenario privilexiado como a Azucreira de Portas. “É a mellor ocasión para poñer en valor o noso produto de proximidade e o talento dos nosos chefs e tamén dos que veñen de fóra. Porque o que vén aquí, proba e repite. Ademais, convértense en grandes prescriptores do noso destino, porque contan as excelencias de Portamérica e da provincia”, destacou López.

Este festival, que marca o inicio da tempada dos festivais de verán nas Rías Baixas, é, segundo Luis López, unha fonte de “experiencias 100 % Rías Baixas”. De feito, para o propio presidente da Deputación, que esta semana conmemora o seu primeiro aniversario á fronte do goberno provincial, tamén é unha cita sinalada. “Portamérica é un evento moi especial para min. O ano pasado tiven aquí o primeiro acto como presidente da Deputación e as cousas que fas por primeira vez non as esqueces”, concluíu o presidente, que convida a toda a veciñanza e visitantes da provincia a achegarse á Azucreira para desfrutar do festival Portamérica.

 

Galerias de imaxes