Luis López sinala festivais como o SonRías Baixas de Bueu como “embaixadores” do modelo sustentable, cultural e de natureza do turismo na provincia de Pontevedra

O dirixente provincial participa en Bueu na presentación dun festival englobado nos Rías Baixas Fest que celebra, entre o 1 e o 3 de agosto, a súa edición número 21

30/07/2024

Presentación do SonRías Baixas de Bueu

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o festival SonRías Baixas de Bueu, enmarcado na marca Rias Baixas Fest que impulsa o organismo provincial, como unha das máis importantes referencias turísticas do verán na comarca do Morrazo e no conxunto da provincia. Un evento que mestura en tres xornadas actuacións musicais de interese xeral, a gastronomía local e un espazo natural de alto valor. “Quen proba Pontevedra repite. Na provincia hai elementos que contribúen a que haxa un incremento continuo de visitantes, pero os festivais xogan un papel clave. O SonRías é un dos grandes embaixadores turísticos que temos na provincia”, afirmou o mandatario provincial, que participou este martes en Bueu na presentación da vixésimo primeira edición deste festival.

“O SonRías é moito máis que tres días de concertos. Este festival supón unha importante fonte de riqueza, xera emprego en toda a comarca, ten un relevante retorno económico e axuda a posicionar a nosa marca. Dentro dos festivais a nivel España, o SonRías está no top”, asegurou o presidente Luis López.

O evento, que se celebra na contorna das Lagoas, no Concello de Bueu, terá lugar esta fin de semana, entre o xoves 1 e o sábado 3 de agosto. Neste lugar está prevista a actuación de grupos de moito prestixio como La Oreja de Van Gogh, Rozalén ou The Rapants, así como unha coidada oferta do mellor da gastronomía local e todo nun concello que atesora algunhas das mellores praias da ría de Pontevedra.

O titular do goberno provincial puxo en valor o compromiso do festival co coidado do medio ambiente e coa sustentabilidade. “Quero destacar o compromiso co medio ambiente do SonRías, levan anos poñendo medidas a prol do medio ambiente e este ano, outra vez, vai ser un éxito este festival”, augurou López. Neste sentido, o presidente lembrou que este luns a Deputación presentou a súa folla de ruta turística para esta década, a Estratexia Rías Baixas Turismo 61, un plan que busca poñer en valor a todos os concellos da provincia como destino turístico. “Queremos involucrar a todos os concellos para que se sintan con ese arraigo e orgullosos da marca Rías Baixas”, subliñou o mandatario.

O verán avanza na provincia e con el van chegando os festivais agrupados na marca Rías Baixas Fest, que están sendo un éxito tanto de participación, como de organización. O primeiro en celebrarse foi o PortAmérica, en Portas; seguiuno o Atlantic Fest, en Vilagarcía; a pasada fin de semana foi a quenda do SinSal, na illa de San Simón; e agora chega o Son Rías, en Bueu; para rematar en setembro co Revenidas en Vilaxoán. “Convido a toda a provincia a que se achegue aquí esta fin de semana porque van poder vivir unha experiencia 100 % Rías Baixas”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes