Luis López remarca o compromiso da Deputación coa sustentabilidade coa posta en marcha do +Rías, un plan para reforzar o apoio ao sector pesqueiro da provincia

O presidente provincial, xunto co deputado Marcos Guisasola, presenta a traballadores do mar un proxecto dotado con 130.000 euros para fomentar a investigación e as boas prácticas extractivas, así como a divulgación e a posta en valor da pesca artesanal

07/11/2024

Luis López, presentou este xoves a representantes da pesca e do marisqueo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves a representantes da pesca e do marisqueo da provincia as liñas mestras do programa +Rías, unha nova iniciativa do goberno provincial para seguir apoiando un sector fundamental para a provincia e que afonda no compromiso da coas confrarías de pescadores, que contarán o vindeiro ano 2025 cun maior apoio por parte da Deputación, que incrementa en 100.000 euros, ata os 350.000 euros, a liña de colaboración con estes colectivos. “Presentamos un proxecto moi necesario e importante para que as Rías Baixas, o paraíso no que vivimos, sigan a ser un paraíso. O noso mar constitúe un dos máis valiosos tesouros que temo. Non só pola beleza natural que namora a todas as persoas que nos visitan, que son máis cada ano, tamén porque é unha fonte de vida e riqueza que debemos coidar para que non se esgote”, defendeu o mandatario provincial, acompañado polo deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola.

No salón de actos do Edificio Administrativo reuníronse preto de medio centenar de traballadores do sector do mar para coñecer polo miúdo o contido deste novidoso programa que dispón dun orzamento de 130.000 euros  e que conta co recoñecemento da Unión Europea, que achega o 70 % dos recursos, un 90.000 euros. Con estes fondos, o organismo provincial porá en marcha un programa baseado en catro eixos. En primeiro lugar, desenvolverase un programa técnico especializado no que expertos, investigadores e científicos informarán sobre asuntos clave como a explotación sustentable dos recursos mariños, o impacto das biotoxinas e mareas vermellas, a contaminación e lixos mariños, a protección da biodiversidade e os espazos mariños e as especies invasoras.

En segundo, lanzarase unha campaña de sensibilización entre a poboación infantil para que coñezan as Rías Baixas e os seus recursos a través animacións, contos ou debuxos. O terceiro alicerce céntrase nunha campaña dirixida aos profesionais do mar a través dun obradoiro de sensibilización ambiental para fomentar as boas prácticas e ofrecerá tamén visitas a estudantes. Finalmente, haberá unha cuarta liña baseada na posta en valor da pesca sustentable das Rías Baixas a través de exposicións, degustacións o reparto de material divulgativo e promocional.

Aumento das axudas ás confrarías

Antes de explicar o contido e as accións que engloban cada un destes puntos aos protagonistas deste plan +Rías, o presidente Luis López puxo en valor o traballo diario do sector do mar e amosou a súa comprensión cos problemas, relacionados coa inflación ou o peche dos bancos marisqueiros, que afectan a estes colectivos. “Somos especialmente sensibles con todo o que estades a facer e con todos os retos que estades a afrontar. Se as Rías Baixas son un paraíso, en parte é grazas a vós”, sinalou o dirixente antes de adiantarlles que o vindeiro venres, nun pleno extraordinario, aprobarase o Orzamento do ano 2025 que inclúe as axudas ás confrarías de pescadores. “As incrementamos nun 40 %. De 250.000 pasamos a 350.000 euros. É a maneira que temos de axudarvos e afrontar todos os proxectos que tedes”, concluíu López, tendendo a man da Deputación para seguir colaborando con traballadores deste sector da pesca e o marisqueo artesanal.

Galerias de imagenes