#MEDIONATURAL

Proxecto "+Rías"

A importancia da sostibilidade ambiental e socioeconómica das Rías Baixas como motor da economía azul na contorna de Rede Natura 2000


CONVOCATORIA/PROGRAMA

Convocatoria de concesión de subvencións pola Fundación Biodiversidade FSP, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da economía azul e o impulso da sostibilidade pesqueira e acuícola, no marco do programa “Pleamar”, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) en 2023.

Eixe 5. Sensibilización ambiental

FINANCIAMENTO

70 % con fondos FEMPA

ORZAMENTO

Total: 132.614,13 €

FEMPA: 92.829,89 €

Deputación de Pontevedra: 39.784,24 €

OBXECTIVO

As Rías Baixas, en Pontevedra, teñen unha especial importancia na economía azul española, son un motor socioeconómico en pesca artesanal e marisqueo, que conta con máis de 2.200 permisos só de marisqueo a pé, aos que hai que lles sumar outros grupos (bivalvos á boia, recursos específicos, crustáceos etc.), e con importantes espazos con protección ambiental que están a ser destinos turísticos en auxe nos últimos anos. Todo isto xera impactos antrópicos no litoral (por exemplo, lixos mariños), ademais de existiren outras cuestións que afectan a pesca sostible, algunhas delas con importante influencia, coma o cambio climático, as biotoxinas, as especies alóctonas, a contaminación etc.

O obxectivo xeral do proxecto “+Rías” é aumentar, a través dun enfoque integrador e participativo, a sensibilización ambiental e fomentar a conciencia ecolóxica entre as e os profesionais do mar, a poboación infantil e a sociedade en xeral con respecto aos impactos da actividade do ser humano no medio costeiro e mariño, así como transmitir a importancia da protección e conservación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños e, en particular, en espazos protexidos, poñendo en valor os produtos do mar locais e sostibles.

Para iso, abarcaranse temas clave coma os lixos mariños, a contaminación, a explotación sostible de recursos mariños vivos, a protección da biodiversidade mariña e os espazos Rede Natura 2000, as especies alóctonas ou exóticas invasoras, as biotoxinas e os impactos do cambio climático, así como a perspectiva de xénero na economía azul, concretamente no marisqueo das Rías Baixas pontevedresas.

Os seus obxectivos específicos buscan xerar coñecemento sobre a importancia dos bancos marisqueiros e a súa xestión e explotación sostible, valorizar a pesca artesanal, visibilizar a profesión do marisqueo e fomentar o consumo de produtos pesqueiros artesanais locais obtidos con métodos de baixo impacto no medio e de alta calidade e frescura, a través da participación directa das e dos profesionais do mar. Tamén se procura aumentar a sensibilización ambiental e fomentar a conciencia ecolóxica implicando a estes profesionais, a poboación infantil e a cidadanía en xeral con respecto á protección e conservación da biodiversidade e dos ecosistemas e recursos mariños e pesqueiros, coa mellora do coñecemento sobre o aproveitamento sostible das zonas costeiras, coa posta en valor dos recursos naturais marisqueiros e co fomento da redución de contaminación e da mitigación dos efectos do cambio climático.

“+Rías” consta de seis actividades: o plan de comunicación, a coordinación e xestión para a correcta xustificación do proxecto e as catro restantes, coa participación activa do sector pesqueiro e marisqueiro, consisten nun programa ou simposio técnico especializado (A1), no que se pretende contar con persoal experto, investigador e científico de relevante prestixio no ámbito nacional para tratar asuntos, temas clave e de actualidade nestes territorios, coma o marisqueo e a explotación sostible de recursos mariños vivos, o impacto do cambio climático nas rías, as biotoxinas e mareas vermellas e o seu impacto no marisqueo, a contaminación e os lixos mariños, os espazos protexidos, a protección da biodiversidade mariña e espazos Rede Natura 2000, as especies alóctonas ou exóticas invasoras etc. Contémplase poder contar con entidades de renome que traballen nestes sectores e temáticas.

A parte A2 consiste nunha campaña de sensibilización da poboación infantil que, mediante diferentes accións que se levarán a cabo tanto nos propios centros coma en espazos públicos comúns, estimulará o interese das e dos escolares de educación primaria sobre as Rías Baixas, a importancia da conservación de recursos mariños e o estado ambiental, en concreto, das zonas de marisqueo.

Entre as accións prevese a realización de obradoiros en centros educativos de primaria, para alumnado de 6 a 11 anos, dun vídeo animado e dun pequeno conto ou cómic, así como dun concurso de debuxo relacionado coa conservación do medio mariño e costeiro das rías pontevedresas e a pesca sostible.

A A3 é unha campaña de sensibilización para profesionais do mar que contará cun obradoiro de sensibilización ambiental para fomentar as boas prácticas ambientais do sector marisqueiro e os recursos específicos das rías de Pontevedra e a súa contribución á mellora do bo estado ambiental das Rías Baixas.

Dirixida ao sector extractivo, principalmente de marisqueo e recursos específicos e da pesca artesanal desenvolvida dentro das rías, e con sesións ou visitas por parte de estudantado universitario ou de formación profesional do ámbito marítimo-pesqueiro a entidades pesqueiras ou confrarías de pescadores para coñecer de primeira man como é a xestión diaria para a explotación sostible dos recursos pesqueiros e marisqueiros das nosas rías.
Na parte A4, a través doutra campaña, poñerase en valor a pesca sostible nas Rías Baixas e promoverase o coñecemento do medio mariño e da pesca extractiva sostible á vez que se aproveitará para divulgar e sensibilizar sobre a importancia de protexer e conservar a biodiversidade mariña, alén de apoiar unhas actividades pesqueiras sostibles. Contará cunha exposición itinerante de fotografías sobre a pesca sostible, dos debuxos premiados na campaña de sensibilización da poboación infantil e con degustacións gratuítas de produtos artesanais sostibles capturados nas devanditas rías; ademais, entregarase material divulgativo sobre a campaña ou tamén de promoción comercial e actividades con preguntas relacionadas coas distintas temáticas do proxecto ao público xeral.

“+Rías”, a través das distintas actividades e accións de sensibilización e comunicación (simposio técnico, obradoiros infantís, concurso de debuxo, seminario ambiental para profesionais do mar, visitas para estudantes relacionados con medio mariño, campaña de valorización da pesca etc.) e coa participación activa de actores de interese, poñerá en valor a profesión do mar, os seus produtos de calidade e sostibles, a Rede Natura 2000 e a importancia do colectivo na protección e conservación tanto dos recursos naturais coma dos ecosistemas e hábitats costeiros de interese marisqueiro, o traballo decente ou o desenvolvemento territorial sostible, entre outros.

Unión Europea
Fondos Europeos
Fundación Biodiversidade
Pleamar