Luis López sinala o paso de La Vuelta pola provincia como o escaparate perfecto para dar a coñecer as Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte e á natureza

O presidente provincial participa en Ponteareas, punto de partida da décima etapa con final en Baiona, na presentación das catro xornadas nas que o pelotón estará en Galicia

07/08/2024

Luis López destaca o paso de La Vuelta pola provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia que ten o regreso de La Vuelta á provincia, coa disputa o vindeiro 27 de agosto da décima etapa da carreira entre Ponteareas e Baiona, para consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte e que ten na súa riqueza natural e paisaxística un dos seus maiores atractivos. Na ponteareana praia fluvial da Freixa, o mandatario provincial participou na presentación oficial das catro etapas de La Vuelta que transcorrerán por Galicia entre o 27 e o 30 de agosto, nun acto promovido pola Xunta e no que estiveron presentes a deputada provincial de Turismo e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o director da carreira, Javier Guillén; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. "O helicóptero de La Vuelta é unha das mellores campañas turísticas para un territorio", afirmou o presidente Luis López, convencido de que as imaxes aéreas da provincia durante a celebración da décima etapa servirán para atraer máis visitantes e facer que "as Rías Baixas estean máis de moda".

A chegada do pelotón á provincia producirase o vindeiro luns 26 de agosto, cando os ciclistas desfrutarán en Vigo da primeira xornada de descanso da carreira. Desde a cidade olívica, desprazaranse ao día seguinte á Ponteareas, punto de partida da décima etapa, unha proba de media montaña, de 160 quilómetros de percorrido e con meta en Baiona. O pelotón pasará polos concellos de Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo para afrontar a primeira subida da xornada, a escalada ao alto de Fonfría, un porto de segunda categoría. Logo, os ciclistas continuarán cara A Cañiza, Arbo, As Neves, Salvaterra e Tui, onde comezarán a segunda escalada da etapa ao Alto de Vilachán, de terceira categoría. De alí, seguirán camiño de Tomiño e Oia, onde subirán o terceiro porto da etapa, o alto de Mabia, de segunda categoría. Acto seguido, chegará a escalada máis esixente da xornada, a subida ao Alto de Mougás, un porto de primeira categoría cunha ascensión de 10 quilómetros e un desnivel de 600 metros e unha pendente media do 6 %. Desde alí descenderán cara Baiona, onde estará instalada a meta moi preto do castelo de Monterreal.

A seguinte etapa será na contorna de Padrón o 28 de agosto. O día seguinte o pelotón completará unha etapa entre Ourense e a estación de montaña de Manzaneda e despedirase de Galicia o día 30, cunha etapa entre Lugo e o porto dos Ancares.

"O ciclismo é un deporte que conta con moitos seguidores e na provincia temos excelentes ciclistas, moitísima afección e moitos clubes. Ademais contamos cun territorio magnifico para a práctica do ciclismo, cunhas etapas que se caracterizan sempre por ser rompepernas e para o espectáculo dos afeccionados é un aliciente", declarou o mandatario provincial sobre a relación entre a provincia e La Vuelta.

Non é a primeira vez que o percorrido dunha das tres carreiras ciclistas máis importantes do mundo pasa pola provincia de Pontevedra. A última foi no ano 2021 coa celebración da penúltima e decisiva etapa da carreira entre Sanxenxo e Mos. Pero a máis recordada tivo lugar no ano 2013, ao acoller a etapa inaugural cunha memorable saída da contrarreloxo por equipos desde unha batea instalada no porto de Vilanova de Arousa.

Finalmente, o presidente puxo en valor a importancia que ten para a provincia acoller competicións deportivas de interese xeral. De feito, a Deputación ten aberto unha convocatoria de axudas para a organización de eventos deportivos relacionados co turismo. Unha área estratéxica para goberno da Deputación pola que Luis López agradeceu ao director da carreira, Javier Guillén, o regreso de La Vuelta á provincia e amosou a predisposición da Deputación para que as Rías Baixas sigan sendo escenario desta proba nas vindeiras edicións.

Galerias de imagenes