Luis López anuncia un espectáculo de luz e son con máis dun cento de drons en Baiona que servirá para promocionar o regreso de La Vuelta a España á provincia
O presidente provincial avanzou que a exhibición terá lugar o vindeiro luns ás 22 horas no Paseo de Alfonso, onde se recrearán imaxes relacionadas coa natureza, o deporte e a provincia. Ao día seguinte, o pelotón partirá desde Ponteareas con destino a Baiona
23/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a realización dun innovador e atractivo espectáculo de luz e son empregando drons que terá lugar o vindeiro luns ás 22 horas no Paseo de Alfonso, en Baiona, enmarcado nos actos para promocionar o regreso de La Vuelta á provincia fixado para o vindeiro martes, 27 de agosto, cunha etapa de 160 quilómetros con saída en Ponteareas e chegada en Baiona. “Somos a provincia do deporte, E para celebralo como se merece, ideamos este espectáculo tan innovador como atractivo que servirá para quentar a previa da chegada do pelotón”, avanzou o mandatario provincial.
O espectáculo comezará ás 22 horas do vindeiro luns. Desde o club de iates de Baiona despegarán arredor de 120 drons para, ao compás da música, debuxar figuras con luz no ceo nocturno relacionadas coa natureza, co deporte, coa provincia e con La Vuelta. “Estou seguro de que nos deixará a todos coa boca aberta”, sostén Luis López, quen convida a todas as persoas a acercarse o luns ata Baiona para desfrutar deste espectáculo e, de paso, vivir o día seguinte o final dunha das etapas máis emocionantes do percorrido con subidas a varios portos que “farán desfrutar aos afeccionados”, augurou o dirixente.
O regreso do pelotón de La Vuelta á provincia é unha mostra máis da aposta que está a realizar a Deputación para organizar eventos de alcance internacional. Un compromiso que se traduce en feitos porque despois do ciclismo, será a quenda da loita, co mundial sub 20 en Pontevedra; despois do baloncesto, co torneo EncestaRías e a visita do Real Madrid; e seguiránlle o Europeo de ciclocrós e o mundial de Enduro. “Na Deputación apostamos pola organización de eventos deportivos e por consolidar un destino turístico ligado á natureza e ao deporte”, afirmou Luis López, convidando a toda a persoa que estea estes días na provincia a desfrutar do mellor ciclismo do mundo, “unha experiencia 100 % Rías Baixas”.