A Deputación destina 665.000 euros a políticas sociais para os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna de Pontevedra
Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial
13/01/2024
Os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna de Pontevedra recibirán ata 665.000 de euros para facerlles fronte ás políticas sociais. Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia (ABE) para 2024 que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e contan cun orzamento global de 3,7 millóns de euros.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos servizos sociais comunitarios, a Deputación pon á disposición destes concellos 555.000 euros. Destes recursos, 217.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, e 338.000 euros a cubrir os custos do persoal dos servizos comunitarios. En concreto, A Lama poderá recibir ata 48.702 euros; Barro, 50.193 euros; Caldas de Reis, 65.622 euros; Campo Lameiro, 34.685 euros; Cuntis, 58.512 euros; Moraña, 30.298 euros; Poio, 121.921 euros; Ponte Caldelas, 67.119 euros; Portas, 43.178 euros; e Vilaboa, 34.490 euros.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as ABE, o Goberno provincial pon á disposición dos concellos da contorna de Pontevedra 110.500 euros para que poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Lama poderá obter ata 10.800 euros; Barro, 10.800 euros; Caldas de Reis, 11.800 euros; Campo Lameiro, 10.800 euros; Cuntis, 9.300 euros; Moraña, 9.300 euros; Poio, 13.800 euros; Ponte Caldelas, 12.800 euros; Portas, 9.300 euros; e Vilaboa, 11.800 euros.
As ABE destinaranse a alimentación, vivenda subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, desprazamentos, reparación e mantemento de vehículos, de, lentes de contacto e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.