A Deputación destina 200.000 euros a políticas sociais para os concellos de Bueu e Moaña
Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas axudas básicas de emerxencia que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial
13/01/2024
Os concellos de Bueu e Moaña recibirán ata 196.000 euros para facerlles fronte a políticas sociais. Estes recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia para 2024, que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e que contan cun orzamento global de 3,7 millóns de euros.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos servizos sociais comunitarios, a Deputación pon á disposición destes concellos 169.500 euros. Destes recursos, 63.700 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do servizo de axuda no fogar (SAF), a través do cal se atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, e 105.700 euros a cubrir os custos do persoal dos servizos comunitarios. En concreto, Bueu recibirá ata 66.501 euros e Moaña 103.000 euros.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas básicas de emerxencia (ABE), o Goberno provincial pon á disposición destes concellos 26.850 euros para que poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, Bueu poderá beneficiarse de ata 12.800 euros e Moaña de 14.050 euros.
As Axudas básicas de emerxencia destinaranse a alimentación, vivenda subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.