A Deputación prevé que o Parque de Maquinaria no Polígono de Barro estea operativo nun prazo de entre dous e tres meses
Os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís visitaron as novas instalacións do Parque de Maquinaria de Barro nas que a institución provincial investiu 2,8 millóns de euros
14/05/2024
A Deputación de Pontevedra prevé que o Parque de Maquinaria no Polígono de Barro estea operativo nun prazo de entre dous e tres meses. Así o confirmaron os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís na visita que realizaron ás novas instalacións desde as que se prestará este servizo público fundamental e onde a Deputación investiu 2,8 millóns de euros.
O novo Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra en Barro ocupará unha extensión de 8.800 metros cadrados. Contará cunha nave principal, destinada a taller de reparación e mantemento, naves de almacenaxe, oficinas e zona de aparcadoiro. Trátase, tal e como subliñaron os deputados provinciais, dunhas instalacións modernas e avanzadas, con espazos apropiados para a realización dos traballos que desempeñaban as tres brigadas que traballaban desde a Xunqueira, así como persoal do departamento administrativo asociado, maquinistas, mecánicos e o parque móbil da institución provincial.
No edificio administrativo do novo Parque de Maquinaria haberá salas de uso polivalente que poderán ser empregadas, tal e como informaron Tourís e Couselo, para realizar xornadas de formación. Na nave situarase a maquinaria que se emprega habitualmente nas obras de conservación de estradas e habilitarase un espazo para desenvolver labores de reparación propias dun taller mecánico de maquinaria pesada. Ademais haberá unha pérgola especial para o camión góndola, que permite transportar maquinaria pesada e realizar tarefas de carga e descarga.