A Deputación inicia o procedemento para contratar as obras de substitución da cuberta do Centro Agarimo de Príncipe Felipe
“Queremos mellorar esta valiosa infraestrutura pública resolvendo os problemas de filtracións de auga e humidades que sofre o edificio”, asegurou o presidente, Luis López, sobre esta actuación na que a institución provincial investirá case un millón de euros
22/12/2023
A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento para contratar as obras de substitución da cuberta do Centro Agarimo e do inmoble do almacén xeral do Centro Príncipe Felipe, nas que investirá case un millón de euros. “Queremos mellorar esta valiosa infraestrutura pública resolvendo os problemas de filtracións de auga e humidades que sofre o edificio para poder prestar, así, un mellor servizo público”, asegurou o presidente, Luis López, sobre a actuación.
As obras en Príncipe Felipe consistirán na instalación dun panel sándwich de aceiro prelacado nunha superficie estimada de 3.659 m2 de cuberta que, na actualidade, é de placa de fibrocemento. Ademais de abordar toda a substitución do material de cubrición, o proxecto contempla tamén os remates, baixantes, caleiros e a rede de pluviais horizontal.
Neste momento, a Deputación de Pontevedra desenvolve diversas actuacións en Príncipe Felipe, que suman un total de 3,2 millóns de euros. Deste xeito, ademais do millón de euros da cuberta do Centro Agarimo, a institución provincial está a realizar unha reforma integral do CEIP Daría González, na que se invisten 1,7 millóns e que conta con recursos do PIREP local. Tamén está a desenvolver o proxecto da substitución das escaleiras de emerxencia do Centro Infanto-Xuvenil Escola Fogar, que suporá un investimento de 374.000 de euros.
Por outra banda, recentemente remataron as obras de emerxencia para apuntalar provisionalmente o muro de contención situado no perímetro do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe, cun orzamento de 30.000 euros e, en canto a meteoroloxía o permita, comezarán os traballos da renovación da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol, adxudicadas por preto de 60.000 euros. Ademais, a institución ten en licitación a renovación da iluminación do campo de fútbol do complexo deportivo de Príncipe Felipe por valor de 100.000 euros. Neste último caso, as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 3 de xaneiro.