Luis López comproba o remate das obras de mellora enerxética do CEIP Daría González, nas que a Deputación inviste 1,7 millóns
O presidente da Deputación remarcou o compromiso do organismo para mellorar as instalacións e os servizos que se prestan na Cidade Infantil Príncipe Felipe, e recordou que xa está en marcha o proceso para transferir a titularidade dos centros educativos á Xunta
20/11/2023
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns as obras de mellora da eficiencia enerxética que o organismo provincial ten en marcha no CEIP Daría González, situado na Cidade Infantil Príncipe Felipe, e nos que inviste 1,7 millóns de euros. Acompañado polo deputado Javier Tourís, López destacou que “para que esta provincia vaia a máis en educación e en servizos de calidade, é imprescindible a colaboración e tender pontes co resto de administracións e coa comunidade educativa”.
Os traballos atópanse xa na súa recta final e consisten na substitución da cuberta, no reforzo da fachada, no cambio das carpinterías exteriores, na instalación de paneis fotovoltaicos no tellado, na reforma de dous aseos e a doutro cuarto de baño para facelo máis accesible, na reforma dunha sala para adaptala ás necesidades das persoas con diversidade funcional e na substitución do ascensor por outro máis accesible. “O benestar dos nosos menores é algo que na Deputación nos preocupa moito e ese é o motivo da execución dunhas obras tan necesarias para facer que este edificio sexa máis confortable e máis cómodo”, explicou o dirixente provincial.
Durante a visita, na que Luis López lles deu os parabéns ás mestras e aos mestres e ao conxunto da comunidade educativa do centro polo labor que realizan, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación por mellorar os servizos que se prestan nos centros educativos de Príncipe Felipe, un complexo que está inmerso no proceso para o cambio de titularidade, que pasará de mans da Deputación a ser xestionado pola Xunta, que é a Administración quen ten as competencias en Educación. O presidente, Luis López, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hai unhas semanas o protocolo para iniciar os trámites desta transferencia. “É o mellor para potenciar o funcionamento destes centros, a Deputación seguirá colaborando en todo o que estea na súa man para que sigan a ser unha referencia”, declarou López sobre este cambio de titularidade.
Mentres tanto, o ente provincial segue a investir na mellora das instalacións e dos servizos da Cidade Infantil Príncipe Felipe con actuacións en marcha por valor de 3,2 millóns de euros. Ademais das obras neste colexio, a Deputación está a executar a substitución da cuberta do edificio Agarimo e do inmoble do almacén xeral do centro por un millón de euros, a substitución das escaleiras de emerxencia da Escola Fogar por 374.000 euros e varias actuacións no campo de fútbol por 190.000 euros.