O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros de linogravado: un para nenas e nenos de 9 a 15 anos en Semana Santa e outro para persoas adultas a primeira semana de abril

A inscrición ao obradoiro infantil abre este martes 5 de marzo, ás 9:00 horas, e pode formularse a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal

05/03/2024

plancha de linóleo

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros co título Castelao e o Linogravado, nos que as persoas participantes se introducirán nesta técnica de estampación. O primeiro obradoiro está dirixido a nenas e nenos de 9 a 15 anos e desenvolverase durante as mañás do luns, martes e mércores de Semana Santa (25, 26 e 27 de marzo, de 11:30 a 13:30 horas). Haberá 15 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Para apuntarse hai que escribir a reservas.museo@depo.gal a partir deste martes 5 de marzo ás 9:00 h, indicar o nome e a idade da nena ou do neno e incluír un número de teléfono de contacto.

O obradoiro impartirano Nelson Gómez Callejas e Pilar Delmas Filgueira e nel introduciranse as características desta técnica. Tamén se explicará a súa importancia en Pontevedra, onde foi introducida por Castelao logo da súa viaxe por Europa en 1921, e a súa continuidade na cidade grazas a Luis Pintos Fonseca e ás ilustracións das revistas Cristal e Spes.

Durante o obradoiro, as e os participantes coñecerán a técnica do linóleo e a obra de Castelao baseada nesta técnica e a doutros artistas que se inspiraron no de Rianxo. Ademais, aprenderán a facer rexistros, seguindo os pasos das litografías, achegaranse ao mundo da caligrafía e realizarán os seus propios gravados con linóleo, que estamparán en papel e nunha bolsa de tea ecolóxicos.

Obradoiro para público adulto

Á semana seguinte, terá lugar un segundo obradoiro de linogravado, esta vez dirixido a público adulto. Será os días 1, 2, 3 e 4 de abril, de 17:00 a 19:30 h, cun total de 10 horas de duración. Neste caso tamén haberá 15 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición escribindo a partir do martes 12 de marzo, ás 9:00 horas, a reservas.museo@depo.gal e indicando o nome e número de teléfono de contacto.

Galerias de imagenes