Luis López anuncia o novo programa Erasmus+ 2024, dotado de 900.000 para que 50 alumnos de FP realicen prácticas en empresas e institucións europeas

A Deputación recibe unha axuda de 690.000 € do SEPIE para a nova edición deste programa de mobilidade europea para mellorar a formación dos mozos da provincia

23/08/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación en Xunta de Goberno do proxecto Erasmus+ 2024, que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea. “Os mozos son un dos nosos piares, e queremos que estean moi preparados para os retos do futuro”, asegurou o presidente provincial, co obxectivo de que durante as súas estadías no estranxeiro “aprendan e despois poidan poñer o seu talento á disposición desta provincia”.

A Deputación de Pontevedra investirá neste proxecto un total de 890.000 euros, dos que 690.000 euros proceden dunha axuda do SEPIE e, os 200.000 euros restantes, de fondos propios da Deputación. Grazas a estes recursos, 50 alumnos de FP van poder realizar as súas estadías no estranxeiro, dunha duración aproximada de seis meses, e 10 docentes e persoal de FP poderán realizar mobilidades de aprendizaxe por observación (de arredor dunha semana). Poderán realizar as estadías en empresas e institucións de países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal ou Romanía, así como calquera outro que estea incluído no Erasmus+.

O programa Erasmus+ 2024” terá unha duración de 15 meses, ata finais do verán de 2025, pero poderíase estender ata finais de maio de 2026. Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 40 centros de 24 concellos da provincia que poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro. Despois de que os centros seleccionen os alumnos, a Deputación de Pontevedra é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros.

videos

audios