A Deputación organiza na súa sede de Vigo un novo curso de español gratuíto para que persoas inmigrantes poidan superar as probas do Instituto Cervantes e solicitar a nacionalidade española
A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, inaugura este luns 10 de xuño, ás 16:00 horas, a nova acción formativa na que van participar 20 persoas de Brasil, Marrocos, Senegal, Serra Leona e Ucraína
08/06/2024
A Deputación de Pontevedra organiza na súa sede de Vigo un novo curso de español gratuíto para que inmigrantes poidan superar as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, inaugura este luns 10 de xuño, ás 16:00 horas, esta nova acción formativa na que van participar preto de 20 persoas de Brasil, Marrocos, Senegal, Serra Leona e Ucraína.
O obxectivo do curso, que será impartido pola docente Silvia Vázquez Fernández, é facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Estas preto de 20 persoas participantes comezarán o luns a súa formación en Vigo, que estenderá ata o día 26 de xuño. Todas elas saben ler e escribir, atópanse en situación regular en España, son maiores de 16 anos, teñen coñecementos básicos da lingua española e están empadroadas en Cangas, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo.
Os cursos completaranse, ademais, cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.
Este ano a Deputación de Pontevedra impartirá cursos de español gratuítos para un total de 60 persoas inmigrantes, tanto en Vigo como en Pontevedra. No 2023 foron 48 as persoas formadas pola institución provincial, das que 44 se presentaron ao exame e 36 aprobaron. Por nacionalidades, a maioría procedían de Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.