Luis López estrea unha nova oficina móbil para divulgar os beneficios das comunidades enerxéticas e implicar aos pequenos concellos nos retos da sustentabilidade

O presidente provincial anunciou que a furgoneta da Oficina de Transformación Comunitaria comezará a súa viaxe polos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia o vindeiro martes día 20 na Guarda para fomentar as comunidades enerxéticas

07/11/2024

Luis López na oficina móbil da OTC

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou a aposta do goberno provincial pola transición enerxética, a sustentabilidade e a transformación do territorio coa presentación dunha furgoneta que percorrerá os concellos da provincia para informar á cidadanía sobre os beneficios e a oportunidade que supoñen as comunidades enerxéticas. É a oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria que a Deputación abriu no polígono de Barro para informar, asesorar e acompañar os proxectos para a produción e autoconsumo enerxético en todo o territorio. Esta oficina sobre rodas comezará a súa andaina o vindeiro martes, 20 de novembro, no Concello da Guarda e visitará os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

“Hai seis meses estabamos en Barro abrindo a Oficina de Transformación Comunitaria, co obxectivo de mudar a maneira de consumir e producir enerxía. Nese tempo, xa demos pasos visitando concellos e percibimos que vai ser un éxito e que os proxectos vanse multiplicar. Nesta oficina móbil, 100% eléctrica, imos informar á veciñanza sobre que son as comunidades enerxéticas, cales son os seus beneficios e como se poñen en marcha. E imos acompañar aos interesados en todo o proceso ata completar a súa posta en funcionamento. É un proxecto que reflicte á perfección o espírito desta Deputación: o compromiso co municipalismo, as comunidades enerxéticas van chegar a toda a veciñanza viva onde viva”, explicou o mandatario provincial nas escalinatas do Pazo provincial, nun acto no que estivo presente o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís; persoal da OTC e de Sertogal, a empresa que xestiona a oficina móbil.

Esta iniciativa enmárcase nun proxecto “transversal” impulsado polo goberno que dirixe Luis López e que leva o nome de +Renovables. Un plan dotado con 750.000 euros, que conta co recoñecemento da Unión Europea que achega medio millón de euros, e que afonda en obxectivos estratéxicos para a Deputación como son “a sustentabilidade, a modernización do territorio e o aforro económico de familias e empresas”, sinalou o presidente.

Despois de dar os parabéns aos responsables da Oficina de Transformación Comunitaria e reiterar o compromiso da Deputación co municipalismo, Luis López convidou a toda a veciñanza a achegarse a esta oficina móbil. “Que analicen as vantaxes destas comunidades e que as poñan en marcha”, animou o presidente da Deputación.

Galerias de imagenes

audios