A Deputación lanza unha nova edición dos premios Mulleres no Foco para recoñecer o talento feminino no sector audiovisual

Sandra Bastos, deputada de Igualdade: “Queremos construír referentes e rachar coas cifras que temos hoxe en día de representatividade feminina na industria audiovisual”

30/09/2024

presentación de mulleres no foco

. A deputada de Igualdade Sandra Bastos, xunto con Nati Juncal, delegada de CIMA en Galicia, e Elena García Román, delegada adxunta, presentou a nova edición dos premios Mulleres no Foco, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA). Trátanse duns galardóns que teñen por obxectivo, tal  e como explicou a deputada de Igualdade, “incentivar, apoiar e recoñecer a traxectoria e papel das profesionais galegas do audiovisual e facer que cheguen ao conxunto da sociedade”.

Sandra Bastos lembrou que, segundo o último informe anual de CIMA, as  mulleres ocupan menos do 40% dos cargos de responsabilidade no sector audiovisual e só o 37% das longametraxes están dirixidas por mulleres. Deste xeito, asegurou que “é fundamental construír referentes, sobre todo para aquelas nenas e mozas que queiran dedicarse ao audiovisual, e rachar, tamén, coas cifras que temos hoxe en día de representatividade feminina nesta industria”.

O prazo para presentar candidaturas aos premios Mulleres no Foco, que se entregarán nunha gala que terá lugar antes de que remate o ano, permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de outubro, e poderán propoñer candidaturas as entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que, pola súa natureza, fins ou obxectivos estean relacionadas co sector audiovisual. En total entregaranse tres premios, cunha dotación económica total de 15.000 euros (5.000 euros cada un), a tres mulleres que se sumarán a Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez, galardoadas no 2023; Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, no 2022, e Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez, no 2021.

“Para nós conseguir unha igualdade plena entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida non é un reto, é unha obriga da que toda a sociedade temos que formar parte – asegurou Sandra Bastos-. E esa é a meta deste certame Mulleres no Foco, non só se trata de recoñecer a tres mulleres do audiovisual, senón tamén de poñer o foco no traballo e o enorme esforzo de todas as mulleres do audiovisual por sacar adiante os seus proxectos”.

Galerias de imagenes