A Deputación entrega este venres no auditorio da Sede Afundación de Pontevedra os III Premios Mulleres no Foco
Preto dunha vintena de candidatas optan aos tres galardóns, dotados cada un con 5.000 euros, que concede a institución provincial para recoñecer as mulleres do audiovisual
17/10/2023
O auditorio da Sede Afundación en Pontevedra será o escenario este venres 20 da gala da terceira edición dos Premios Mulleres no Foco que a Deputación de Pontevedra promove en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) para poñer en valor o traballo das profesionais galegas do audiovisual. A cita comezará ás 20:00 horas, e contará coa asistencia do presidente provincial, Luis López, e nela daranse a coñecer os nomes das tres gañadoras deste 2023.
A gala estará presentada polas actrices Chelo do Rejo, María Ángeles Iglesias e Anabell Gago e contará coa actuación de Fillas de Cassandra, así como de María Move e Sue Moreno. O acto está aberto ao público, que debe confirmar a súa asistencia no correo electrónico protocolo@depo.es, e a apertura de portas do recinto terá lugar ás 19:30 horas.
As preto de vinte candidaturas que neste ano se presentaron a estes premios proveñen dos distintos ámbitos do audiovisual, entre elas, a fotografía, a dirección ou a produción, e as tres gañadoras recibirán un premio de 5.000 euros cada unha. Estas candidaturas foron propostas por entidades locais, culturais e profesionais do sector e as bases dos galardóns establecen que se recoñecerán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector, impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego, así como mulleres cun talento ou cunha importante traxectoria neste ámbito. Na gala de 2022 foron premiadas Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, mentres que na primeira edición, de 2021, os galardóns recaeron en Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada.