A Deputación pon en marcha “Compracer nunca, Con pracer sempre”, a nova campaña contra as agresións sexuais que levará este verán aos Rías Baixas Fest

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, anunciou o inicio desta campaña para concienciar e previr as coñecidas como “violacións en cita” e “agresións por submisións químicas”

04/07/2024

Sandra Bastos

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, presentou hoxe a campaña “Compracer nunca, Con pracer sempre” que se pon en marcha para previr e actuar contra as agresións sexuais, concretamente para concienciar sobre as categorizadas como “violacións en cita” e “agresións por submisión química”. No acto de lanzamento da campaña tamén participou a profesora Carmen Quinteiro, autora do libro no que se inspirou o lema escollido este ano pola institución provincial.

Trátase dunha campaña informativa dirixida á mocidade para sensibilizar, concienciar, informar sobre un tipo de violencia de xénero, como asegurou a responsable provincial de Igualdade, “das máis comúns entre a mocidade”. “Erradicar as agresións sexuais-engadiu Sandra Bastos- é posiblemente un dos obxectivos máis urxentes na loita contra a violencia cara as mulleres”. Por este motivo a Deputación promove esta campaña que, tras comezar en PortAmérica este venres 5 e sábado 6 de xullo, percorrerá os festivais que forman parte dos Rías Baixas Fest, antes de estenderse a outros ámbitos.

“Consideramos vital intervir nos contextos de ocio, nas contornas lúdicas, de festa, que acotío son escenarios de acoso sexual ás mulleres – explicou Sandra Bastos-. Por iso queremos levar esta campaña ás festas locais, festivais e encontros dirixidos á mocidade”. Baixo o lema “Compracer nunca, Con pracer sempre”, a Deputación fai “un chamamento ao dereito das mulleres a decidir e á responsabilidade dos homes a respectar”. O obxectivo con este lema é tamén visibilizar unha forma de violencia pouco atendida e moi normalizada: as violacións en citas, é dicir, aquelas perpetradas por coñecidos da moza agredida, e as agresións por submisión química. “Son dúas formas de agresión que, desgraciadamente, obstaculizan o recoñecemento do delito e a súa posterior denuncia”, asegurou a deputada provincial.

A campaña tamén busca dirixirse aos mozos con outra mensaxe: “Non a Líes. Alíate”, para implicalos no rexeitamento desta problemática social, e transmitirlles a necesidade de posicionarse claramente fronte a ela ao tempo que, en palabras da deputada, “os concienciamos sobre a importancia de entender o consentimento e rachar co ideario transmitido a través da cultura de violación”.

Como parte da campaña, instalaranse os coñecidos como “Puntos violetas”, unha carpa atendida por un equipo de profesionais expertas en igualdade que informará ás persoas interesadas, e no que se distribuirán as guías informativas deseñadas especialmente para a campaña e outro material, como gorros e pulseiras. Este stand permitirá un trato directo co público asistente, favorecendo a interacción coas persoas asistentes a estas festas e festivais.

Tralo seu paso polos Rías Baixas Fest, a Deputación porá a campaña a disposición dos 61 concellos da provincia, así como dos centros educativos e entidades que queiran implicarse na loita contra esta problemática, ao tempo que invita a todas e todos os  profesionais a poñer en marcha ou actualizar protocolos de actuación que fomenten unha mellora na coordinación, eficacia e calidade asistencial dende a perspectiva de xénero, facilitando pautas que optimicen unha contorna segura e de confianza, sen caer na revitimización da vítima e desbotando prexuízos machistas. Os organismos interesados poden consultar todos os detalles e as condicións na web da Deputación.

“Queremos sensibilizar, concienciar, informar e formar á mocidade e pór de manifesto que a violencia sexual é algo contra o que temos que loitar, porque as cifras son desoladoras –asegurou Sandra Bastos-. Falamos de 4.875 violacións e 19.981 delitos contra a liberdade sexual no 2023, o peor ano no que a delitos sexuais se refire.  Por iso erradicar esta violencia sexual é un dos obxectivos máis urxentes na loita contra a violencia cara as mulleres. E unha das principais claves para conseguilo é o desenvolvemento de campañas de prevención eficientes e con recursos como esta”. 

Galerias de imagenes