A Deputación leva este venres a Silleda unha actuación de Leirabuxo no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo da Festa da Empanada da Bandeira

21/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Leirabuxo que se celebrará este venres 23 de agosto a partir das 23:00 horas na Carballeira da Pomba da Bandeira, en Silleda. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Leirabuxo é un proxecto musical nacido arredor do amor pola música tradicional galega, co obxectivo de achegala ao público a través deste instrumento nacido a partir dun pau de buxo e que lle dá o seu nome actual. Leirabuxo conta cunha formación de big band, mesturando instrumentos de ventos con outros máis senlleiros como a zanfona, a gaita ou as percusións tradicionais, unha sonoridade que leva a agrupación a desenvolver unha linguaxe propia bebendo dunha fonte acústica e tradicional.

O concerto de Leirabuxo forma parte do Esmorga Folk organizado polo Concello de Silleda dentro da programación cultural da Festa da Empanada da Bandeira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.