A Deputación leva este sábado a Meaño unha actuación de Dakidarría no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial terá lugar a partir das 22:30 horas na Praza Nova de Dena

23/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Dakidarría que se celebrará este sábado 24 de agosto a partir das 22:30 horas na Praza Nova de Dena, en Meaño. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Con máis de vinte anos de historia ás súas costas, Dakidarría é unha das bandas referentes nos festivais musicais galegos e un dos grupos consolidados no panorama musical. O seu estilo caracterízase pola fusión de estilos e a enerxía enriba do escenario, e en todo este tempo editaron seis discos: “Fragasauros Rex” (2005), “El futuro nunca existió” (2008), “Realidades alienantes...” (2010), “...Utopías emergentes” (2011), “10 anos na rúa” (2013), “...Utopías emerxentes” (re-edición en galego, 2015), “De cuncas e de mar” (2016), “Filosofía Incendiaria” (2018) e “Colaxe” (2022). O grupo editou este ano o álbum “XX en directo” coa gravación da actuación que ofreceu o pasado verán no Festival Revenidas.

O concerto de Dakidarría é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.