A Deputación leva este venres ata Ribadumia a proxección de “Matria” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A película poderá verse no Auditorio Municipal de Ribadumia ás 21:00 horas

30/10/2024

O Auditorio Municipal de Ribadumia acolle este venres 1 de novembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme “Matria”, dirixido por Álvaro Gago e protagonizado por María Vázquez, Soraya Luaces, E.R. Cunha “Tatán”, Susana Sampedro e, entre outros, Santi Prego.

“Matria” é unha película dedicada a todas aquelas “mulleres que sosteñen o país na sombra”. Recolle o espertar dunha traballadora galega, Ramona, que loita polo seu porvir, por crecer persoalmente e por romper con todas as barreiras que a asfixian. Unha muller que sacrifica todo polo futuro da súa filla Estrella e que se verá empurrada a mirar cara dentro e pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais de a Ribadumia, a Cerdedo-Cotobade, Moraña e As Neves. Ademais de “Matria”, a película que chega este venres a Ribadumia, e de “Fatum”, “O Corno” e “¡Salta!! ao abeiro deste ciclo poderase desfrutar dos documentais: “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “A viaxe de Lucy”, “Chichi e mais eu” e a gañadora do Mestre Mateo ao mellor documental “Os espazos en branco”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.