A Deputación pon en funcionamento o programa +Escénicas en Tui, con “Travesía Unicornio” de Teatro Ghazafelhos

A peza, dirixida a nenas e nenos de máis de 3 anos, poderá verse no Teatro Municipal de Tui o próximo martes 15 de outubro ás 11:00 horas

12/10/2024

A Deputación de Pontevedra pon en funcionamento o programa +Escénicas en Tui, coa representación de “Travesía Unicornio” a cargo de Teatro Ghazafelhos o próximo martes, 15 de outubro, ás 11:00 horas no Teatro Municipal de Tui. +Escénicas trátase dun novo programa da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“Travesía Unicornio” trátase dun espectáculo infantil de 50 minutos de duración cheo de humor para nenas e nenos a partir de 3 anos. A peza é unha adaptación ao teatro do libro homónimo de María Canosa gañador da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro infantil, publicado en marzo de 2023, que narra o encontro dun neno e o seu unicornio cunha xenia que lles promete facer realidade os seus desexos. 

Con este novo circuíto, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro de +Escénicas a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.