A Deputación leva este domingo ao Grove o circuíto +Escénicas con “De algo hai que morrer”, de Malasombra

O espectáculo para todos os públicos poderá verse ás 20:00 horas no auditorio municipal

11/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 15 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello do Grove co espectáculo de teatro “De algo hai que morrer”, da compañía Malasombra. A función comezará ás 20:00 horas no auditorio municipal, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“De algo hai que morrer” é unha conferencia fúnebre-cómico-teatral na que o profesor Jeckill e o profesor Hyde divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción: a morte. Os profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre temas relacionados co asunto principal, como a vida, a inmortalidade, os sinais, as maneiras de morrer, o asasinato, as guerras, o enterro ou a pena de morte, pero tamén sobre a vida que hai tras ela.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.