A Deputación leva este sábado a Nigrán o circuíto +Escénicas con “Moito Barroco”, de Píscore Teatro

O espectáculo para todos os públicos poderá verse ás 20:00 horas no auditorio municipal

05/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 7 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Nigrán co espectáculo de teatro “Moito Barroco”, da compañía Píscore Teatro. A función comezará ás 20:00 horas no auditorio municipal e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Moito Barroco” é unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro  e o humor. Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o compositor e os seus tres músicos de cámara, nas que teñen cabida todo tipo de gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e mesmo xogos malabares.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.