A Deputación leva o circuíto +Escénicas ata Cuntis coa obra teatral “Henriko o feiticeiro” de Simplemente Enricco

A peza, para todos os públicos, poderá verse este xoves 31 de outubro ás 19.00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil José Raído “Patelas”

29/10/2024

A Deputación de Pontevedra leva +Escénicas ata Cuntis coa obra teatral “Henriko o feiticeiro” a cargo da compañía Simplemente Enricco. A peza, para todos os públicos, poderá verse no Centro Sociocultural e Xuvenil José Raído “Patelas” este xoves 31 de outubro ás 19:00 horas. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025. “Henriko o feiticeiro” é un peculiar feiticeiro, mago, bruxo, que sente que realiza trucos incribles que mesmo superan o entendemento humano. Pero, en realidade, é unha fraude de mago, ao que mesmo os nenos lle cazan os trucos. Aínda así, sendo o único que segue crendo na súa maxia, continúa co seu espectáculo como se todo estivese a saír segundo o planeado. Sen embargo, sen explicación e para sorpresa do público e do propio Henriko, todo cambia e comezan a acontecer cousas inexplicables. Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.