A Deputación continúa esta fin de semana co programa “+Convivencia” con saídas de catro entidades á Illa de Ons e a Cangas

Serán preto de 230 persoas as que poderán desfrutar das excursións ata o vindeiro xoves 15, pertencentes a asociacións de Pontevedra, Marín, Meaño e O Porriño

08/08/2024

Preto de 230 persoas de catro entidades diferentes da provincia desfrutarán entre este sábado, 10 de agosto, e o xoves 15 de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. En concreto, trátase de asociacións de Pontevedra, Marín, Meaño e O Porriño.

Desta maneira, 65 persoas da ANPA Andaina do CEIP Xunqueira 2, de Pontevedra, e 54 da Asociación de Consumidores e Iniciativa Social de Amas de Casa de Marín visitarán o sábado a Illa de Ons; 52 persoas da Asociación de Veciños San Juan de Meaño desfrutarán dunha excursión a Cangas o domingo, 11 de agosto, e 57 usuarios da Asociación Cultural A Forna, do Porriño, pasarán o xoves 15 de agosto na Illa de Ons.

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.