A Deputación abre este luns o prazo de inscrición para participar nas rutas do mes de agosto do programa provincial “+Bosques”

Serán en total oito percorridos e terán lugar todos os sábados e domingos do mes. Comezarán o sábado 3 de agosto coa ruta do Xabriña (Covelo) e rematarán no mesmo lugar o sábado 31

14/07/2024

A Deputación de Pontevedra abre este luns 15 de xullo, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para participar nas rutas do mes de agosto do programa provincial “+ Bosques”. Serán en total nove percorridos e terán lugar todos os sábados e domingos do mes, comezando o día 3 de agosto, sábado, coa ruta do Xabriña (Covelo) e rematando o 31, domingo, no mesmo lugar.

En total este novo programa provincial oferta ao longo do verán 40 itinerarios a través de sete espazos de costa e interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Deste xeito, en agosto o programa comeza cun percorrido polo Xabriña, o día 3, e continúa o 4 polo río Almofrei, o 10 polo Carreirón, o 11 por Cabo Udra, o 17 e o 25 pola illa de Tambo, o 18 e 24 polo lago Castiñeiras e remata o 31 no mesmo lugar no que comezan as rutas en agosto: no Xabriña. As persoas interesadas deberán cubrir este luns a partir das 9:00 horas da mañá un formulario en liña, con opción de anotarse a persoa que o cubre máis un máximo de tres acompañantes.

“+Bosques” continuará en setembro polo río Almofrei (1), Lago Castiñeiras (7 e 29), Xabriña (8), Pazo de Lourizán (14 e 28), Illa de Tambo (15), Cabo Udra (21) e polo Carreirón (22), para os que abrirá a inscrición o 19 de agosto. E os derradeiros percorridos do programa serán en outubro con  rutas polo Cabo Udra (5), polo río Almofrei (6), pola Illa de Tambo (12), polo Lago Castiñeiras (13 e 26), polo Pazo de Lourizán (19 e 27) e polo río Xabriña (20). Neste último caso a inscrición abrirá o 16 de setembro.

Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Xornada de degustación de cociña silvestre

O broche de ouro do programa “+Bosques” será a xornada de degustación de cociña silvestre, que se contempla para o mes de novembro, unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 “baños de bosque” que organiza a Deputación entre xuño e outubro e consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.