Luisa Sánchez reúnese co profesorado implicado no Erasmus+, a iniciativa coa que a Deputación está a facilitar que mozos da provincia completen a súa formación no estranxeiro

“Queremos axudar a que a xuventude da provincia atope o seu camiño, impulsar que poidan realizar prácticas empresariais no estranxeiro para que gañen experiencia e soltura nos ámbitos nos que desenvolverán as súas carreiras profesionais”, subliñou a vicepresidenta

24/10/2024

Luisa Sánchez

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de reunirse co profesorado implicado no Erasmus +, a iniciativa coa que a institución provincial está a facilitar que mozas e mozos da provincia completen a súa formación no estranxeiro. “Queremos –subliñou a vicepresidenta no encontro no que participaron profesores dos 40 centros educativos que forman parte do consorcio creado pola Deputación para a xestión do Erasmus+ na provincia- axudar a que a nosa xuventude atope o seu camiño, impulsar que poidan realizar prácticas empresariais no estranxeiro para que gañen experiencia e soltura nos ámbitos nos que desenvolverán as súas carreiras profesionais”.  

A vicepresidenta recordou que a institución provincial recibiu recentemente case 700.000 euros por parte do SEPIE para seguir formando á mocidade da provincia. “Unha noticia moi importante, pois nos permite financiar arredor do 80% do orzamento desta iniciativa e tamén avala a nosa xestión deste programa”, asegurou Sánchez quen aproveitou para agradecer o papel desenvolvido tanto polo servizo provincial de Promoción do Emprego como polo profesorado do consorcio.

Para a vicepresidenta é fundamental que os mozos e as mozas da provincia realicen prácticas no estranxeiro xa que, ademais de adquirir destrezas nas súas futuras profesións, estas iniciativas favorecen o desenvolvemento da súa independencia, capacidade de adaptación e flexibilidade, así como melloran as súas habilidades sociais, de comunicación ou intelixencia emocional. “Trátase dunha oportunidade única –asegurou- para que regresen, despois, a esta provincia coas pilas recargadas e con moitas ganas de emprender aquí, na nosa provincia, os seus proxectos de vida”. 

Galerias de imagenes