Luis López recoñece na I Xornada Provincia Comunitaria o papel clave do movemento veciñal na dinamización de Vigo: “Xuntos construímos unha provincia por e para as persoas, máis xusta, integradora e unida”

O presidente da Deputación comparte unha xornada de convivencia con asociacións e a cidadanía da contorna de Vigo con charlas sobre párkinson e nutrición, obradoiros de risoterapia e de bailes de salón e un monólogo de David Amor

30/11/2024

Luis López na I Xornada Provincia Comunitaria

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo o foco no papel clave do movemento veciñal na dinamización cultural, social e deportiva de Vigo e salientou a aposta e recoñecemento que o goberno provincial está a realizar para apoiar as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos. Fíxoo na celebración no Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo da I Xornada Provincia Comunitaria, un encontro deseñado para poñer en valor o labor do movemento veciñal na que se deron cita centos de persoas pertencentes ás entidades veciñais da contorna da cidade. “Houbo unha época na que as asociacións veciñais estaban esquecidas. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia mellor, pensada por e para as persoas, máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial, quen fixo referencia ao impulso económico á área de Acción Comunitaria que recolle o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2025, que ascende ata os 2,4 millóns de euros.

Nun acto no que tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez, “quen remarcou o papel de Vigo como fervedoiro do movemento asociativo veciñal de toda Galicia e incidiu na importancia de escoitar e atender ás demandas da veciñanza, como elemento clave para que a provincia avance” e á que o presidente cualificou como “traballadora incansable pola prosperidade de Vigo”, e o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, ao que Luis López definiu como o “valedor número un do movemento veciñal”, houbo tempo para sensibilizarse sobre o párkinson a través dunha conferencia a cargo de José Ramón Lorenzo e sobre nutrición da man de Manuel Viso. Ademais, tamén se organizaron obradoiros de risoterapia, a cargo de Mónica Novas, e sobre bailes de salón, da man de Raquel Lodeira, e tivo lugar un monólogo protagonizado por David Amor.

Con esta I Xornada Provincia Comunitaria a Deputación pretende reforzar os lazos co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a cidade de Vigo e, en consecuencia, a provincia. Ao longo deste último trimestre de ano organizáronse encontros co movemento asociativo en Poio, Cambados, Cuntis, A Estrada, Mos e Tomiño que culminaron esta tarde en Vigo coa I Xornada Provincia Comunitaria. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, ao que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar con outras 170 asociacións veciñais da provincia.

O presidente da Deputación agradeceu a calorosa acollida da veciñanza de Vigo e a elevada participación na I Xornada Provincia Comunitaria. “Vexo en vós, veciñas e veciños de Vigo, xente orgullosa de vivir en comunidade que traballa a diario pola nosa terra; vexo nesta cidade de Vigo, o mellor exemplo desta provincia: talento, empuxe, modernidade, dinamismo e crecemento económico; e vexo nesta Círculo Mercantil e Industrial de Vigo, neste privilexiado espazo natural con vistas á ría, un anaco do enorme paraíso que é esta provincia”, recoñeceu Luis López, quen reafirmou a vontade do goberno provincial para seguir tendendo pontes entre a administración e o tecido asociativo antes de desexar aos asistentes que desfrutaran “en comunidade” dunha experiencia 100 % Rías Baixas.

Galerias de imagenes