Luis López detalla que a Deputación mellorará en 2025 as axudas a asociacións veciñais e comunidades de augas con máis orzamento, menos burocracia e ata 6.000 euros para legalizar traídas de augas
Trátase do novo programa +Novaqua, que conta con 100.000 € para legalizar as traídas de auga, e a segundas edicións de +Aqua e do Plan Provincia Comunitaria, dotados con 1,15 millóns de euros cada un
13/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou hoxe a institución provincial destinará no 2025 2,4 millóns de euros para apoiar o labor dos colectivos veciñais e das comunidades de auga da provincia a través de tres proxectos: o novo programa +Novaqua, que conta con 100.000 euros para legalizar as traídas de auga, e as segundas edicións de +Aqua e do Plan Provincia Comunitaria, dotados con 1,15 millóns de euros cada un, 150.000 € máis que no 2024. “Continuamos saldando unha débeda histórica da Deputación co tecido asociativo da provincia, que levaba oito anos abandonado”, asegurou López.
Segundo detallou o presidente, “estes tres plans supoñen un maior orzamento para o tecido asociativo da provincia, cun 20% máis que o reflectido inicialmente o pasado ano; chegarán a máis beneficiarios e suporán máis axudas”. Entre as principais novidades do plan, Luis López explicou que, ademais do apoio á legalización de traídas, concederanse ata 600 euros para gastos de xestión e para financiar taxas e a tramitación será máis simplificada, “con formularios optimizados e memorias máis simples para reducir ao máximo o papeleo”.
En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde ao novo plan +Novaqua, que busca contribuír á mellora da calidade de vida local e satisfacer as necesidades básicas da poboación. Ao abeiro deste programa, as comunidades de auga recibirán achegas de entre 2.000 e 6.000 euros para axudar a financiar os custos de legalización das traídas. Entre as actuacións subvencionables inclúense a redacción do proxecto, a realización de analíticas, os traballos de topografía, os gastos de xestión e tramitación e as taxas.
Ademais, aprobouse unha nova edición de +Aqua, dotado no 2025 con 1,15 millóns de euros, 150.000 euros máis que en 2024. Trátase dun Plan que vai destinar ás comunidades de auga axudas de entre os 6.000 e 10.000 euros para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga; mellorar os sistemas de tratamento e impulsar calidade da auga; legalizar novas concesións ou renovar as existentes e mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.
Tamén se aprobou o Plan Provincia Comunitaria 2025, dotado tamén con 1,15 M €, 150.000 euros máis que en 2024, nunha primeira edición que beneficiou a un total de 170 asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións, así como asociacións de mulleres rurais de 44 concellos da provincia. De cara ao 2025 as entidades poderán beneficiarse de achegas de entre 6.000 e 10.000 €, coas que poderán executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais, en infraestruturas nas que desenvolven as súas actividades ou en espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos seus fins. Ademais, tamén adquirir novos equipamentos, mobiliario ou dispositivos informáticos, acústicos e audiovisuais.
Nos tres casos o prazo para solicitar estas axudas comezará ao día seguinte da publicación das bases no BOPPO, que será proximamente, e finalizará o 17 de marzo de 2025, 15 días máis que no 2025. “Continuamos avanzando da man do tecido asociativo para construír unha provincia con máis futuro, chea de oportunidades e de moita prosperidade para todos”, confirmou o presidente da Deputación.