Luis López remarca a importancia da colaboración da Deputación con entidades coma Cogami para construír unha provincia máis inclusiva e xusta

O presidente provincial mantivo un encontro con Anxo Queiruga e Celso Álvarez, o presidente e o coordinador de Cogami, para explorar novas vías de colaboración en beneficio das persoas con discapacidade

09/04/2024

Luis López, recibiu no seu despacho do Pazo provincial ao presidente de Cogami, Anxo Queiruga

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu no seu despacho do Pazo provincial ao presidente de Cogami, Anxo Queiruga, e ao coordinador desta entidade, Celso Álvarez, para coñecer os proxectos que este colectivo ten en marcha na provincia.

Acadar unha inclusión social plena por parte das persoas con discapacidade é un obxectivo irrenunciable para o Goberno provincial e que comparte con Cogami, polo que ademais de facer un balance das actividades e das accións de colaboración previstas para este ano, ambos os dirixentes estudaron a posibilidade de abrir novas vías de colaboración conxunta entre as dúas administracións.

A Deputación de Pontevedra e Cogami manteñen unha estreita relación de colaboración a través de axudas para fomentar a inclusión das mulleres con discapacidade no medio rural, o servizo de intermediación laboral ou a atención integral para estas persoas.

Tender pontes é o lema da Deputación que, a través da cooperación con entidades coma Cogami consegue que os recursos provinciais cheguen aos colectivos que máis precisan para mellorar a súa calidade de vida e construír unha provincia máis inclusiva e máis xusta. 

Galerias de imagenes