Sandra Bastos visita a sede de Cogami

05/12/2023

A deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, visitou a sede da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) en Vigo, para coñecer de primeira man as súas instalacións e o traballo que desenvolve a entidade. A Deputación de Pontevedra colabora coa Confederación nun proxecto de intermediación laboral para persoas con discapacidade e coa Federación Cogami Pontevedra noutro programa de atención integral a persoas con discapacidade da provincia.

Na súa visita, a responsable de Benestar Social da Deputación puxo en valor o labor que Cogami desenvolve por e para as persoas con discapacidade e as súas familias que, a través dos seus servizos de axuda, apoio e atención, se ten “convertido nunha auténtica referencia a nivel autonómico”. Ademais, destacou que as políticas centradas na discapacidade e na integración ocupan “un lugar prioritario” para a Deputación de Pontevedra e reafirmou o compromiso do Goberno de Luis López “para potenciar a inserción laboral e protexer os dereitos básicos das persoas con discapacidade, impulsando medidas de apoio centradas no impulso da súa autonomía persoal e na súa plena inclusión”.