Luis López sinala a combinación de natureza e actividade física propia das experiencias 100% Rías Baixas como a clave do éxito de participación do primeiro +Bosques

O presidente provincial clausura no Castelo de Soutomaior un programa que ofertou 40 rutas por sete itinerarios boscosos da provincia no que participaron unhas 600 persoas

09/11/2024

Luis López clausura +Bosques

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a oportunidade que brindou o programa +Bosques para dar a coñecer a biodiversidade dos espazos naturais do territorio, para mellorar a saúde física e mental dos participantes e afondar no municipalismo programando actividades sociais en diferentes concellos da provincia no acto de clausura deste programa que tivo lugar no Castelo de Soutomaior coa degustación de produtos gastronómicos dos bosques das Rías Baixas. “A boa acollida e o éxito de participación de cada unha das actividades sinalan que a primeira edición deste +Bosques foi un éxito absoluto”, celebrou o mandatario provincial nun acto no que estivo acompañado polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola; e no que participaron preto de 200 persoas.

Entre os meses de xuño e outubro, a Deputación organizou ao abeiro do programa +Bosques un total de corenta saídas nas que participaron preto de 600 persoas. O programa incluía o deseño de sete itineriarios por repartidos por bosques de distintas comarcas da provincia para coñecer os ecosistemas e os produtos que medran nestes espazos naturais, ao mesmo tempo que desfrutaban dunha atractiva actividade física e dun intre de desconexión en contacto coa natureza que contribúe a mellorar a saúde mental.

Os sete sete rutas desta primeira edición do +Bosques estaban na zona do Almofrei, entre Pontevedra e Cerdedo-Cotobade; Xabriña, en Covelo; Carreirón, na Illa de Arousa; Cabo Udra, en Bueu; Illa de Tambo, en Poio; Lago de Castiñeiras, en Marín e Vilaboa; e o Pazo de Lourizán, en Pontevedra.

A clausura deste programa celebrouse no Castelo de Soutomaior. “Un punto de encontro dos pontevedreses coa súa historia e a súa identidade, co seu patrimonio natural, cultural e histórico e un lugar común para celebrar todo tipo de actos sociais nun marco incomparable”, describiu o mandatario provincial o espazo escollido onde os asistentes degustaron produtos dos bosques das Rías Baixas como cogomelos, castañas, mel ou froitos do bosque.

Despois de dar as grazas aos participantes desta exitosa proposta da Deputación e poñer en valor o labor dos traballadores do servizo de Medio Ambiente, o presidente provincial quixo lembrar “a importancia de protexer o noso rico patrimonio natural para poder desfrutar de experiencias 100 % Rías Baixas” como as de +Bosques e reiterou o compromiso do goberno provincial para seguir traballando a prol da “veciñanza, o municipalismo e a sustentabilidade”.

Galerias de imagenes