Luis López cifra en 55 M€ o impulso investidor da Deputación en Vigo e a súa área: “Un compromiso que vai seguir sendo o noso sinal de identidade”
A vicepresidenta, Luisa Sánchez, detallou que o goberno provincial leva investidos máis de 30 millóns de euros na cidade de Vigo, “o maior volume de fondos provinciais para investimentos en Vigo. Nunca antes un goberno provincial investira tantos recursos na cidade”, afirmou
11/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou este mércores o investimento de 55 millóns de euros que o ente provincial leva investidos na cidade de Vigo e en dez concellos da súa área metropolitana desde o inicio do mandato en materia de obras a través de programas como o +Provincia, o PON2030, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, en convenios de colaboración co Concello vigués ou en actuacións en estradas provinciais. Fíxoo este mércores nun almorzo informativo con profesionais dos medios de comunicación locais na sede da Deputación en Vigo no que tamén participou a vicepresidenta Luisa Sánchez, así como os deputados Jesús Vázquez Almuíña, Alejandro Lorenzo e Sandra Bastos.
Pola súa banda, Luisa Sánchez cifrou en máis de 30 millóns de euros o investido pola Deputación en Vigo. “Se hai un obxectivo irrenunciable para este Goberno é o de contribuír de maneira decisiva á planificación urbana desta cidade e á execución de proxectos de interese xeral para os vigueses e viguesas. Nos 17 meses que levamos gobernando, non so aprobamos dous orzamentos, tamén comprometemos o maior volume de fondos provinciais para investimentos en Vigo. Nunca antes un goberno provincial investira tantos recursos na cidade”, asegurou a vicepresidenta responsable de Deportes, Economía e Impulso ao Emprego. López, pola súa banda, destacou da vicepresidenta Luisa Sánchez que é a persoa que “capitanea os investimentos que realizamos aquí, rescata os que estaban a piques de se perder e ten responsabilidades no goberno provincial máis cumpridor con Vigo”, remarcou.
“Polo volume de proxectos e recursos destinados pola Deputación aos concellos da área de Vigo, polo peso demográfico que ten Vigo e a súa área para o conxunto da provincia e, sobre todo, porque aquí está o motor económico, turístico, cultural e deportivo da provincia. Cando o motor de Vigo funciona, a provincia avanza máis rápido. Son tres razóns que xustifican e motivan o noso compromiso e a nosa presenza diaria, constante e indiscutible na principal cidade de Galicia”, argumentou o presidente provincial a aposta investidora da Deputación por Vigo e a súa área metropolitana.
A nivel investimentos, o +Provincia serviu para impulsar iniciativas por valor de 8,3 M€, o PON2030, 6,1 M€; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 0.8M€; e a través do Servizo de Infraestruturas, 7 M€. Cifrás ás que hai que engadir os 2,5 millóns de euros para mellorar a atención no Castelo de Soutomaior entre os que sobresaen a nova grada de Gol de Balaídos (13,3 M€) ou a recuperación do Cine Fraga (4,6 M€).
Ademais, en Vigo e contorna o balance inclúe un impulso millonario a áreas estratéxicas como o 1,5 millóns de euros destinado a apoiar actividades e entidades deportivas, o case medio millón de euros para organizacións sen ánimo de lucro de Benestar Social, os más de 615.000 euros para agrupacións culturais e outros tantos para asociacións veciñais e comunidades de auga a través do Plan Provincia Comunitaria e o +Aqua.
Cidade de Vigo
Ademais da Grada de Gol e a recuperación do Fraga, a vicepresidenta Sánchez fixo referencia aos 6,2M€ rescatados pola Deputación —cun 70 % correspondente a fondos provinciais— para a instalación de ramplas mecánicas en Pintor Colmeiro, á mellora da accesibilidade en Juan Ramón Jiménez e á humanización de San Roque. Ademais, neste 2024 a Deputación achega 5 millóns de euros a través de convenios de colaboración co Concello para o macroparque de xogos da Finca Matías (2,5M€), a humanización de Clara Campoamor (1,1M€), a reparación dun muro no campo de fútbol do Sárdoma e o Moledo (0,6M€), o complexo deportivo das Travesas (0,3M€) ou o parque Nelson Mandela (0,5M€).
Á marxe destas grandes obras, a acción da Deputación en Vigo tamén está a deixar pegadas en ámbitos como o deporte, cunha achega dun millón de euros en axudas a clubs e federacións e en patrocinios de eventos; así como un apoio directo de 125.000 euros do que se benefician 24 deportistas olímpicos e paralímpicos da cidade ou os 100.000 euros para deportistas de alto nivel que beneficia a máis dun centenar de deportistas vigueses. Do mesmo xeito, unhas 200 entidades culturais recibiron un apoio de 357.000 euros, 5 comunidades de auga benefícianse de 47.650 € do +Aqua, 7 asociacións veciñais recibiron 67.625 euros e entre as entidades sen ánimo de lucro da cidade repartíronse 424.000 euros dos fondos de Benestar Social, o que supón un 39 % do orzamento total deste servizo.
“Ano e medio de impulso institucional e pontes tendidas para mellorar a calidade de vida de Vigo e contorna. Un compromiso que vai seguir sendo o noso sinal de identidade ao longo de todo o mandato”, redondeou o presidente Luis López.
Impulso investidor na área metropolitana
López, ademais, detallou o realizado neste tempo nos 10 concellos —Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Soutomaior e Vigo— que integran a área metropolitana viguesa.
Así, na comarca do Val Miñor, en Baiona, financiouse o 100 % do proxecto de mellora do espazo público da praza Victoria Cadaval por 580.700 €, así como a reforma do campo de Aral por 330.000€; en Nigrán, sobresaen os 466.000 euros para a mellora da rúa Mariñeiro ou os 770.000e para a remodelación do parque da Ramallosa; e en Gondomar finánciase o 100 % do acondicionamento da Praza Manuel Alonso, valorada en 1,2 M€. Na Louriña, destacan os 920.000€ destinados á humanización da rúa Pío XII nun convenio co Concello do Porriño no que a Deputación achega o 80 % do orzamento, así como os 311.000€ para a mellora da estrada provincial EP-2505 entre Cerquido e Ribadelouro. Ppola súa banda, en Mos a Deputación contribúe con 445.000 € ao proxectos de mellora e pavimentación de camiños e con 100.000 e ao saneamento na parroquia de Cela.
En Redondela, son 315.000€ os que destina a Deputación para financiar o 100 % da vía verde da antiga vía férrea, así como 330.000€ para a substitución do céspede artificial do campo de fútbol de Chapela. En Soutomaior, ademais dos 2,5M€ para a mellora do Castelo, a Deputación aporta 220.000 para o acondicionamento da Carreira dos Bolos. Mentres que en Fornelos de Montes mobiliza 350.000€ para a rehabilitación das instalacións da piscina municipal; e en Pazos de Borbén deuse solución a unha demanda veciñal histórica para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 entre Amoedo e Os Valos por valor de 1M€.
Un goberno municipalista
Esta coidada atención aos concellos de Vigo e da súa contorna no tería sido posible de non ser pola implicación de todos os compoñentes do goberno provincial. Especialmente dos deputados desta zona como son, ademais da vicepresidenta Luisa Sánchez, o alcalde de Baiona e tamén responsable de Asistencia Intermunicipal, Jesús Vázquez Almuíña; o rexedor do Porriño e encargado de Emerxencias e Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo; e a concelleira de Redondela e titular da área de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos. “Ese compromiso coa cidade e contorna ten detrás un equipo extraordinario: talentoso, plural, que sabe conxugar talento individual con xogo en equipo”, salientou o presidente Luis López, antes de destacar a capacidade de Almuíña para “aplicar a receita de xestión e serenidade” para que impulsar unha Baiona “brillante”, á de Lorenzo para gañarse a confianza da veciñanza ao tempo que lideraba o desbloqueo de 1,8M€ de recadación adicional en concepto de IBI para os concellos polos que transcorre a AP-9 ou a súa mediación para a pacificación laboral no Consorcio provincial de Bombeiros; ou á de Bastos para demostrar os “feitos” acadados en materia de Igualdade.
“Déficit de compromiso” do Goberno de España
Con todo, aínda quedan retos por diante para que Vigo, a súa área metropolitana e a provincia sigan avanzando. “Desde esa lexitimidade do deber cumprido, só pedimos o mesmo para as demais Administracións. Debo facer un aparte para o enorme déficit de compromiso e investimentos que ten o Goberno central con Vigo”, contextualizou o presidente López antes de reclamar garantías para o AVE entre Vigo e Porto, para o Corredor Atlántico de Mercadorías, para un Eixo Atlántico Ferroviario sen incidencias e con frecuencias suficientes ou para unha AP-9 gratuíta. “Pero de momento non é posible. Por iso, só pido que todos os dirixentes desta cidade abandonen as pertenzas de partido e fagan piña en favor de Vigo para que eses ‘oxalás’ sexan algún día realidade”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra.