Luis López avanza “100 % Rías Baixas”, a campaña coa que a Deputación promocionará a provincia como destino turístico, que terá a auga como gran protagonista

A presentación oficial da campaña terá lugar en Fitur o día 24 de xaneiro, ás 12:30 horas, no posto de Turismo de Galicia, “de onde nunca debeu marchar”, afirmou o presidente

18/01/2024

Luis lópez na presentación da campaña de turismo 100% Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou  este xoves a campaña turística de 2024 que Turismo Rías Baixas presentará o próximo mércores 24, ás 12:30 horas, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) e que levará por lema “100 % Rías Baixas”. Nun vestíbulo do Pazo provincial ambientado para a ocasión coa proxección da fervenza da Toxa na escalinata, Luis López presentoulles a todas as persoas presentes —rexedoras e concelleiras de toda a provincia, representantes do sector turístico e deputadas provinciais— que a auga, como atractivo turístico, será a base da campaña. “Na Deputación quixemos ser os mellores aliados do sector cunha campaña rompedora, desenfadada e enérxica orientada a un dos nosos mellores atractivos: a auga. Nun intre no que este recurso está no centro do debate, a nosa abundancia ten que ser unha vantaxe. Á auga debémoslle multitude de experiencias que fan que os que nos visitan vivan experiencias 100 % Rías Baixas”, afirmou o presidente da Deputación.

A provincia de Pontevedra terá unha presencia destacada en Fitur, sinalou Luis López. O programa inclúe unha degustación de té de camelia o xoves pola mañá e, pola tarde, as presentacións de Trazas, a ruta arqueolóxica pola provincia, e da ruta de Ignacio Taverneiro. Do mesmo xeito, haberá numerosos encontros para iniciar vías de colaboración con outras deputacións e comunidades autónomas. Con todo, o acto central está previsto para o mércores 24, ás 12:30 horas. “A presentación regresará onde nunca debeu marchar: o posto de Turismo de Galicia”, subliñou o mandatario provincial.

O acto comezou coa proxección dun breve tráiler con imaxes dos recursos acuíferos da provincia e logo tomou a palabra a deputada de Turismo, Nava Castro, quen destacou a importancia do sector na economía da provincia. Tomou a remuda Mar Rodríguez, presidenta da Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra, para remarcar a importancia de participar neste tipo de feiras e lanzar campañas coma “100 % Rías Baixas” e así poder competir con destinos de todo o mundo.

Despois dun segundo avance, que se proxectará integramente na presentación de Fitur e que deixou a todas as persoas presentes intrigadas, comezou o presidente o seu discurso citando catro titulares de prensa que “contan a historia dun éxito”. Reivindicou o mandatario provincial que a cidadanía da provincia nunca vira as Rías Baixas como un “destino paradisíaco”. “Era a nosa casa, pero semellaba que o mellor sempre estaba fóra. Por iso o mérito das Rías Baixas é dobre: ao tempo que o mundo miraba cara a este lugar, tamén descubrimos nós o privilexio de vivir aquí, de estar aquí e de ser de aquí”.

A sostibilidade do destino foi outro dos aspectos que quixo destacar Luis López. “Hai moito tempo que o noso destino traballa nesa dirección; mesmo antes de popularizarse o termo sostible, As Rías Baixas xa o era. Por iso, sementar dúbidas sobre a calidade dos produtos do mar, sobre a excelencia das nosas costas ou sobre sectores que empregan milleiros de persoas é de todo menos responsable. O noso destino é de todos, como de todos é o deber de velar pola súa boa imaxe”, defendeu.

Tamén puxo en valor o traballo realizado polas e polos profesionais do sector turístico ao longo dos últimos anos e o seu compromiso por potenciar aínda máis o destino. “Vexo un sector que traballa coma se o impresionante 2023 fose só un paso previo cara a un 2024 aínda mellor”, recoñeceu López, quen lle agradeceu a todo o sector por “dar o 100 % e facer que sexamos admirados e envexados en todo o mundo”.

Rías Baixas, finalista a mellor destino gastronómico para Viajes National Geographic

Foi o bo traballo do sector turístico e das institucións o que logrou que o ano que acaba de rematar fose histórico, cun mes de agosto que bateu récords de ocupación, co camiño portugués pola costa medrando un 72 %, coas visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso rachando teitos ou cun Museo de Pontevedra rexistrando o número de visitantes máis alto desde 2010. “O turismo vai a máis e o seu empuxe fai que todos medremos con el”, exclamou o presidente da Deputación, quen revelou que As Rías Baixas están entre os cinco destinos nomeados por Viajes National Geographic para ser elixido mellor destino gastronómico de España.

Luis López rematou o seu discurso cunha nova referencia ao lema da campaña. “Pisar a area branca da praia de Rodas, en Cíes, é 100 % Rías Baixas; brindar cunha copa de albariño mentres se degusta a espectacular gastronomía da provincia é 100 % Rías Baixas; quedar abraiado coa fervenza da Toxa, cun solpor en Baiona ou Sanxenxo, ou co impoñente que é o castelo de Soutomaior é 100 % Rías Baixas”, enumerou o dirixente, que tamén quixo darlles as grazas a todo o sector turístico, ás e aos rexedores da provincia, ao equipo de Turismo Rías Baixas, en especial á deputada Nava Castro e á xefa do servizo, Ruth González, e ao conxunto da cidadanía da provincia por “erguer con orgullo a bandeira do que somos, porque somos 100 % Rías Baixas”. 

Galerias de imagenes

videos