A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visita o Concello de Valga para analizar a situación das estradas provinciais ao seu paso pola vila

Na súa visita percorreu, xunto co alcalde de Valga, José María Bello, e varios membros da Corporación local, as diferentes estradas provinciais ao seu paso polo termo municipal e coñeceu as prioridades do Goberno local

18/04/2024

Isabel Couselo e o alcalde de Valga visitan as estradas provinciais

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de visitar en Valga, xunto co seu alcalde, José María Bello, e varios membros da Corporación local, as diferentes estradas provinciais ao seu paso pola vila. Durante a visita, a deputada, que estivo acompañada de persoal técnico provincial, tivo a oportunidade de coñecer as prioridades do Goberno local en canto a estas infraestruturas públicas co obxectivo de marcar unha folla de ruta para impulsar desde a institución provincial nos próximos anos.

Na xuntanza, o Goberno de Valga explicoulle á deputada provincial Isabel Couselo que, entre as súas principais prioridades, se atopa o tramo que falta por acondicionar e reparar na contorna da casa da cultura de Valga, na EP-8501 Valga-Martores, así como o proxecto de transformación e humanización do tramo da EP-8502 Valga-Baño que vai desde o centro da vila ata a zona dos centros educativos.

A visita da deputada de Infraestruturas Públicas ao concello de Valga enmárcase na serie de encontros que, desde o inicio do mandato,  está a manter Isabel Couselo cos diferentes municipios da provincia para coñecer de primeira man as prioridades dos gobernos locais relación coas estradas provinciais que atravesan os seus diferentes termos municipais.