A Deputación abrirá este mércores no Museo unha instalación temporal arredor de Méndez Núñez coincidindo co seminario polo bicentenario do seu nacemento

No claustro do Edificio Sarmiento poderán verse obxectos persoais do mariño, documentos, fotografías, lenzos e unha maqueta de época da fragata Numancia

01/10/2024

Instalación temporal bicentenario Mendez Nuñez

O Museo de Pontevedra acolle este mércores o seminario “No bicentenario de Casto Méndez Núñez”, que organiza xunto co Instituto de Historia e Cultura Naval e a Escola Naval Militar e que será inaugurado polo vicepresidente da Deputación Rafa Doínguez. A xornada de conferencias concluirá coa apertura ás 19:30 h dunha instalación temporal cunha selección dos fondos da colección do Museo relacionados co mariño, que poderá visitarse no Edificio Sarmiento ata o 10 de novembro.

A instalación temporal ocupa un dos corredores do claustro, mostrando unha pequena escolma dos amplos fondos do Museo vinculados a Méndez Núñez. Trátanse tanto de obxectos e documentos persoais que lle pertenceron como esculturas e pinturas que reflicten a popularidade que acadou e a transcendencia social do combate de El Callao (Perú), que lle deu sona.  A maior parte dos fondos que se mostrarán exhibíronse ata 2013 no edificio García Flórez, na sala que recreaba o seu despacho e na reconstrución da cámara da fragata blindada Numancia. A eles hai que engadir outros conservados nas salas de reserva e os que forman parte dos fondos documentais. Ademais, inclúense nesta escolma diarios de navegación nos que anotou as vicisitudes das singraduras en diferentes buques, entre eles a fragata blindada Numancia, e outros documentos, fotografías e obxectos persoais.

Tamén se expoñen exemplos que dan conta da súa curiosidade por recoller elementos naturais dos lugares polos que navegaba: buguinas, cunchas, fósiles, minerais e incluso unha caixa con musgos e algas que se cre que Méndez Núñez arrincou do casco da fragata Numancia unha vez concluída a volta ao mundo. Tamén obxectos doutras culturas, como unha alxaba con frechas e unha culler cunha figura tallada, ambos procedentes de Filipinas.

Na instalación ocupa unha posición central a maqueta da fragata Numancia, un modelo de 3,10 metros de longo e 1,80 metros de alto contemporáneo da construción entre 1862 e 1864 do que foi un dos barcos máis grandes do seu tempo e o primeiro acoirazado en dar a volta ao mundo. O nome de Casto Méndez Núñez está intimamente ligado a esta embarcación: foi o seu primeiro capitán e ao seu mando participou no combate de El Callao, o 2 de maio de 1866. Este fito supuxo o seu ascenso a contraalmirante e lle deu unha gran popularidade. Os lenzos de época e os retratos do mariño presentes na mostra dan conta desa popularidade, tanto da contenda como do navegante.

Colofón ao seminario

A apertura da instalación será o colofón ao seminario que se desenvolverá este mércores 2 de outubro en sesións de mañá e tarde, coa participación de sete poñentes. A sesión matinal, de 10:30 a 13:30 h, estará dedicada ao seu perfil como navegante e militar. Manuel Rolandi Sánchez-Solís abrirá o seminario cun achegamento aos principais fitos na biografía de Méndez Núñez, seguido da conferencia de Sanjurjo Jul, na que conectará o mariño pontevedrés coas innovacións na revolución naval acontecida no século XIX. Luis Mollá Ayuso trazará un percorrido pola súa carreira militar desde o ingreso na escola de Naútica ata o falecemento aos 45 anos. 

A sesión de tarde, de 16:00 a 19:30 h, centrarase nos fondos relacionados con Méndez Núñez que conservan o Museo Naval de Madrid e o Museo de Pontevedra. Precisamente abrirá a sesión unha conferencia de Castaño García na que introducirá o público nas coleccións ligadas ao mariño existentes na institución pontevedresa. Juan Escrigas Rodríguez, director do Museo Naval, fará o propio en relación cos fondos deste museo madrileño, apoiado principalmente na súa extensa colección de fotografía persoal. Natalia Fraguas Fernández, conservadora do Museo de Pontevedra, falará da contribución de Méndez Núñez ao coleccionismo científico a partir das cunchas, fósiles, minerais, corais e outros elementos que xuntou nas súas navegacións polo Pacífico e que actualmente se conservan no Museo. A última conferencia estará a cargo de Cristina Echave Durán, tamén conservadora do Museo, que falará da colección de fotografías reunida por Méndez Núñez durante a súa estancia en Latinoamérica entre 1865 e 1868.

O seminario está dirixido por José Manuel Sanjurjo Jul, vicealmirante e académico da Real Academia de Enxeñería, e José Manuel Castaño García, conservador emérito do Museo de Pontevedra.

Enlaces de interés