A Sede de Vigo da Deputación acolle desde o xoves 14 de marzo unha instalación audiovisual do artista Joan Morera

Baixo o nome de A ‘chambra’. O cuarto do lado, a instalación poderá visitarse de maneira gratuíta ata o vindeiro 30 de abril na Sala Maruja Mallo

07/03/2024

Joan Morera

A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle, a partir do vindeiro xoves 14 de marzo e ata o 30 de abril, a exposición A ‘chambra’. O cuarto do lado, do artista vigués Joan Morera. A mostra, que está aberta a toda a cidadanía e é de acceso gratuíto, inaugurarase cunha charla-presentación do propio autor, que estará acompañado da artista multidisciplinar Carme Nogueira.

A exposición trátase dunha instalación audiovisual, que se poderá visitar na Sala Maruja Mallo da sede provincial e que está composta de seis entrevistas inéditas gravadas entre Francia, Galicia e Euskadi e realizadas dentro do proxecto “Conchita et nous”, que se aproxima á historia das mulleres emigrantes españolas en Francia, fundamentalmente en París, durante os anos sesenta e setenta. O núcleo deste traballo, que se levou a cabo grazas a residencias artísticas en París e Bilbao, céntrase nas chamadas “Conchitas”, empregadas do fogar ou bonne à tout faire (literalmente, “boa para todo”). Precisamente, “chambra” é a castelanización da palabra francesa chambre, que significa “cuarto”, habitualmente usada na xerga pola comunidade española en Francia. Ademais das gravacións audiovisuais, na mostra preséntanse diversos formatos coma a fotografía, a serigrafía e a escultura.

Joan Morera (Vigo, 1984) é artista, investigador e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Realizou unha estancia de investigación en Bos Aires, no Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) e participou en residencias artísticas coma La Pinguela, en Oberá (Arxentina), así como en diferentes institucións públicas e privadas. En liñas xerais, traballa sobre a memoria, as migracións e a construción da paisaxe contemporánea a través de diferentes formatos e soportes documentais, explorando, entre outros, a fotografía, a escultura, o debuxo ou o vídeo.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.