A Sede de Vigo da Deputación acolle ata o 30 de abril unha mostra de Joan Morera que afonda nas mulleres emigrantes españolas en Francia

A exposición inaugurouse esta tarde cunha conferencia a modo de diálogo entre o propio Morera e Carme Nogueira na que o artista abordou o proceso de traballo desenvolvido para analizar a representación destas mulleres

14/03/2024

Inauguración da mostra de Joan Morera en Vigo

A Sede de Vigo da Deputación acolle ata o 30 de abril unha mostra de Joan Morera que afonda nas mulleres emigrantes españolas en Francia a través dunha instalación audiovisual específica. A "chambra". O cuarto do lado, como así se titula a exposición, de acceso gratuíto, acaba de inaugurarse na Sala Maruja Mallo cunha charla do propio Morera, a modo de diálogo coa artista multidisciplinar Carme Nogueira, na que abordou o proceso de traballo desenvolvido para analizar a representación destas mulleres.

A exposición presenta seis entrevistas inéditas gravadas entre Francia, Galicia e Euskadi e realizadas dentro do proxecto "Conchita et nous", que se aproxima á historia das mulleres emigrantes españolas en Francia, fundamentalmente en París, durante os anos sesenta e setenta. O núcleo deste traballo, que se levou a cabo grazas a residencias artísticas en París e Bilbao, céntrase nas chamadas "conchitas", empregadas do fogar ou bonne à tout faire (literalmente, "boa para todo"). Precisamente, "chambra" é a castelanización da palabra francesa chambre, que significa "cuarto", habitualmente usada na xerga pola comunidade española en Francia.

Tal e como explicou Joan Morera na inauguración, a mostra reproduce o tamaño dun cuarto coma aqueles nos que vivían as emigrantes españolas en Francia. A partir dese lugar configúrase un dispositivo documental que presenta entrevistas a historiadores e sociólogos e tamén a persoas que viviron nesas "chambras" ou que tiveron relación con elas. Trátase de reproducir e representar documentos únicos cunha estética e linguaxe propia da arte contemporánea.

Joan Morera (Vigo, 1984) é artista, investigador e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Realizou unha estancia de investigación en Bos Aires, no Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) e participou en residencias artísticas coma La Pinguela, en Oberá (Arxentina), así como en diferentes institucións públicas e privadas. En liñas xerais, traballa sobre a memoria, as migracións e a construción da paisaxe contemporánea a través de diferentes formatos e soportes documentais, explorando, entre outros, a fotografía, a escultura, o debuxo ou o vídeo.

Galerias de imagenes