O vicepresidente Rafa Domínguez reivindica a capacidade organizadora do Museo na inauguración do primeiro Congreso Nacional de Numismática que se celebra en Galicia

Desde hoxe e ata o sábado, uns 150 expertos de museos, universidades e institucións de toda España debaterán en Pontevedra sobre o futuro desta disciplina

12/09/2024

Rafa Domínguez na inauguración do primeiro Congreso Nacional de Numismática

O Congreso Nacional de Numismática arrancou hoxe en Pontevedra a súa 17ª edición, na primeira ocasión que o evento máis importante desta disciplina en España se realiza en Galicia. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou o congreso reivindicando a capacidade de traballo da dirección e o equipo do Museo, ao afrontar a organización de eventos de gran relevancia como este congreso, ao tempo que se desenvolve unha intensa programación expositiva e se traballa en retos que marcarán o devir da institución, como a definición dos futuros espazos arquitectónicos do convento de Santa Clara e os edificios centrais.

A Deputación de Pontevedra organiza o congreso a través do Museo de Pontevedra, en colaboración coa Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN). Na inauguración, o vicepresidente estivo acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, da presidenta da SIAEN, Marta Campo, e do coordinador científico do congreso, Antonio Roma. A directora do Museo destacou que a numismática segue a ser unha disciplina viva e con futuro, como demostra a alta asistencia ao congreso, con arredor de 150 persoas participantes e 82 comunicacións presentadas, a cifra máis alta en todas as edicións deste evento.

A encargada de abrir o congreso foi Erea Castro Afonso, conservadora do Museo, cunha conferencia na que falou sobre “As coleccións numismáticas no Museo de Pontevedra e o legado Blanco Cicerón”. Ese legado está formado por máis de 5.000 moedas e medallas, que son unha parte nuclear da colección numismática do Museo, formada por máis de 15.000 pezas. A continuación desenvolveuse unha mesa redonda sobre a posición que ocupa a numismática nos plans formativos universitarios, con representantes das unidades de Cádiz, Oporto, Santiago de Compostela, Autónoma de Madrid e Complutense de Madrid.

A mañá rematou coas primeira sesión de comunicacións. Ao longo dos tres días do congreso, presentaranse arredor de 80 comunicacións que darán conta da diversidade de estudos e proxectos que se están a desenvolver sobre diferentes aspectos relacionados con medallas e moedas: coleccións museísticas; restauración e conservación; investigacións arqueolóxicas; moeda romana, grega, sueva ou islámica; moeda medieval; variantes locais ou alternativas históricas ao uso da moeda, entre outros.

Ademais doutra sesión de comunicacións, a tarde de hoxe incluirá a inauguración da exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao Museo’. A mostra recupera a figura de Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 1844 - Santiago de Compostela, 1926), un apaixonado das artes e as humanidades que atesourou unha basta colección de obxectos históricos e está considerado o coleccionista de maior relevancia para a historiografía da arte en Galicia. Reuniu xoias protohistóricas, moedas, medallas, documentos medievais e outras pezas que, en moitos casos, pasaron a formar parte do acervo de museos galegos e nacionais.

A mostra exhibirá pezas nunca antes vistas publicamente, cedidas por coleccións particulares e por algúns dos máis importantes museos de Galicia, ademais dos fondos propios do Museo de Pontevedra. Ademais, exhibirase mobiliario orixinal do seu gabinete xunto con aparellos relacionados coa súa paixón pola numismática, camafeos e outros obxectos históricos e artísticos, lenzos, publicacións ou fotografías. Poderase visitar no claustro do Edificio Sarmiento ata o 10  de novembro.

Esta primeira xornada pecharase co brinde de benvida ao congreso, que terá lugar no patio do claustro do Edificio Sarmiento, a cargo de Turismo Rías Baixas. Contará coa actuación de Xisco Feijoó, unha das figuras máis salientables do bo momento que vive a música tradicional en Galicia.

Galerias de imagenes