O Museo pon o foco na súa colección numismática na inauguración da exposición sobre Ricardo Blanco Cicerón

A mostra, que se poderá visitar no Edificio Sarmiento ata o 10 de novembro, homenaxea a unha figura fundamental na historiografía da arte en Galicia

13/09/2024

Inauguración da exposición sobre Ricardo Blanco Cicerón

No contexto do primeiro Congreso Nacional de Numismática celebrado en Galicia, o Museo de Pontevedra quixo poñer o foco na importancia desta disciplina a cabalo entre a historia e a arte e na relevancia da colección que conserva o Museo. Por esa razón organizou a exposición 'O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao museo', que hoxe se inaugurou no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, onde se poderá visitar ata o 10 de novembro.

A mostra foi inaugurada pola directora do Museo, Ángeles Tilve, e a comisaria e conservadora do Museo Erea Castro, acompañadas dos expertos numismáticos que estes días se reúnen en Pontevedra para debater sobre o futuro da materia. Con esta exposición, o Museo busca que a sociedade coñeza e recoñeza a un personaxe fundamental para entender o paso do coleccionismo do XIX aos museos actuais de Galicia. Para iso amosa por primeira vez ao público un bo número de pezas ata agora nunca vistas procedentes de varias institucións galegas e coleccións particulares.

A exposición introdúcenos no gabinete de coleccionista de Ricardo Blanco Cicerón, que entre finais do século XIX e principios do XX atesourou unha vasta colección de obxectos, entre os cales destacan as xoias protohistóricas, con torques, diademas e aneis; machadas de bronce; moedas; medallas; documentos medievais e outras moitas pezas de diversas épocas. Isto levouno a ser recoñecido como o coleccionista de maior relevancia para a historiografía de Galicia.

Na mostra exhíbense pezas destacadas do gabinete e da colección de Ricardo Blanco Cicerón, que forman parte do acervo de destacados museos galegos e nacionais. As pezas expostas inclúen mobiliario e outras artes decorativas, aparellos relacionados coa numismática, fotografías, pinturas e publicacións, procedentes do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións, o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, coleccionistas particulares e os fondos do propio Museo de Pontevedra.

A maioría das pezas presentes na exposición nunca foran expostas antes. Entre as que se poderán ver agora no claustro do Edificio Sarmiento destacan, por exemplo, varios mobles monetarios; un grafoscopio monoestereoscópico, que se empregaba como lente de aumento; unha escolma de entalles e camafeos; os baleirados en xeso das columnas de San Paio de Antealtares que se atopan actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional; o raro Libro da Confraría do Cirial de San Ildefonso ou de Cambiadores da Catedral de Santiago (1429-1548), pertencente a un dos gremios máis antigos de Santiago de Compostela; así como varios lenzos de grande interese e exemplos da vastísima colección de medallas e moedas de Ricardo Blanco Cicerón que actualmente se conservan no Museo de Pontevedra.

Ricardo Blanco Cicerón

Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 27/10/1844–Santiago de Compostela, 31/07/1926) procedía da acomodada familia tudense Centeno y Cicerón, ligada á nobreza galega. Dedicoulle a súa vida ao dereito, á administración e á actividade política como xefe rexional de Galicia na Junta Nacional de la Comunión Tradicionalista, presidida polo marqués de Cerralbo. Foi esencial no desenvolvemento da sociedade Viuda e Hijos de Simeón García de la Riva, precedente do que máis tarde sería o Banco Simeón.

O seu gusto e paixón polas artes e as humanidades levouno a xuntar unha vasta colección de obxectos artísticos e históricos. Entendeu a importancia de preservar o legado artístico galego, coñecer os achados arqueolóxicos que se producían no noso territorio e permitir o seu estudo e divulgación a aqueles que se introducían no seu gabinete. Casto Sampedro definiuno como "o meu amigo e terror de coleccionistas e arqueólogos e anticuarios pasados, presentes e futuros".  

Galerias de imagenes