A Deputación destina 25.000 euros ao impulso da formación de mulleres da provincia como adestradoras, xuízas e árbitras
As achegas, que se concederán por concorrencia non competitiva, permitirán afrontar gastos de matrícula de ata dous cursos oficiais ou formacións federativas
28/10/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha liña de axudas dotada con 25.000 euros para que mulleres da provincia poidan financiar os estudos que lles permitan acceder aos postos de técnicas ou adestradoras en clubs deportivos e de xuízas e árbitras nas diferentes modalidades deportivas. As achegas, que se concederán por concorrencia non competitiva, chegaron o pasado ano a un total de 46 mulleres de 20 concellos da provincia.
As axudas permitirán subvencionar ata o 100% da matrícula dos cursos, un máximo de dous por persoa e un importe máximo de 600 euros por formación. En concreto, poderán financiarse os diferentes títulos oficiais que dean acceso, nas diferentes modalidades, aos postos de adestradora ou técnica, xuíza ou árbitra, que poderán ser impartidos polas federacións deportivas (autonómicas ou estatais) ou polos diferentes centros de ensinanzas deportivas de réxime especial. Ademais, tamén son subvencionables os gastos de matrícula das formacións federativas iniciadas en 2024 para obter o diploma que capacita para adestrar a deportistas en idade escolar e participar en competicións federativas. En calquera dos dous casos, a matrícula deberá ser realizada este ano e os estudos deben rematarse antes de final de ano ou comprender o curso lectivo 2024/2025.
As solicitudes, que se deberán realizar desde este martes 29 de outubro e ata o vindeiro 30 de novembro, poderán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación ou de maneira presencial, e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles e a documentación que é necesario achegar.