A Deputación pon en marcha un ciclo lírico no que fará unha homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti

Os recitais, organizados por OperaConcert, terán lugar os días 20, 21 e 29 de agosto en Poio, O Porriño e Marín e contarán coa presenza da neta de Pavarotti e da filla de Caballé

13/08/2024

A Deputación de Pontevedra colabora neste mes de agosto con OperaConcert para traer á provincia de Pontevedra o espectáculo lírico “Querida Montserrat, Querido Luciano”, unha homenaxe a estes dous artistas na que participan Montserrat Martí Caballé, filla da famosa soprano española, e Simona Todaro Pavarotti, neta do tenor italiano. As citas terán lugar o 20 de agosto, ás 21:00 horas no Mosteiro de Poio; o 21 de agosto, ás 21:00 horas na Praza da Concello do Porriño, e o 29 de agosto, na Igrexa de Santa María do Porto (Templo antigo) de Marín ás 21:00 horas. Desta maneira, os espectáculos permitirán poñer en convivencia a música de ópera co patrimonio da provincia, e todos eles son con entrada libre ata completar aforo.

É a primeira vez na historia da música que se lle rende unha homenaxe a estes dous grandes cantantes, un italiano e unha española unidos polo canto, cuxas voces resoaron nos mellores teatros do mundo, desde Sídney ata Roma, desde París a Nova York. No espectáculo que chega agora á provincia de Pontevedra tamén participan o barítono Luis Santana, a soprano lixeira María Dolores Crespo Abuín e o pianista Victor Carbajo.

O espectáculo que se poderá desfrutar en Poio, O Porriño e Marín inclúe un repertorio da canción e a ópera italiana en recordo de Luciano Pavarotti, así como arias de ópera, canción española e zarzuela por Montserrat Caballé, con títulos como “O mío babbino caro”, “Ave María”, “’O Sole Mio” ou “Nessun Dorma”, entre outras.