Luis López asina co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, un convenio de tres millóns de euros para ampliar as piscinas de Fontecarmoa
O presidente da Deputación recibiu este mércores no Pazo provincial ao rexedor vilagarcián para rubricar un acordo de colaboración enmarcado no programa PON2030
27/12/2023
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial achegará un millón de euros, arredor do 30 % do orzamento, para a ampliación das instalacións da piscina municipal de Fontecarmoa. O Concello, pola súa banda, achega o 70 % restante, uns 2,1 millóns de euros.
A obra, valorada en máis de tres millóns de euros, servirá para construír un novo edificio que albergará unha nova piscina. O novo inmoble, que será levantado nunha parcela do complexo deportivo de Fontecarmoa, estará conectado co edificio da piscina municipal xa existente a través dunha galería. A nova edificación caracterizarase por contar cunha piscina de 25 metros e seis rúas, nun inmoble de planta baixa con cuberta inclinada a unha auga. No interior, habilitarase unha bancada de 216 localidades e os espazos serán diáfanos e funcionais. O proxecto complétase coa urbanización da zona exterior, na que se crearán novas prazas de aparcamento, mellorarase a accesibilidade coa supresión de barreiras arquitectónicas, dotarase de uniformidade estética dando continuidade aos pavimentos e plantaranse árbores de gran porte para dar sombra ao novo edificio.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. Este protocolo entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilagarcía de Arousa é compatible con subvencións doutras administracións sen que o montante concedido á Administración local polo Goberno provincial se vexa reducido.