Fernández-Tapias pon en valor a aposta da Deputación de Pontevedra pola cultura tradicional no VI Certame de Rondallas da área de Vigo

A cita reuniu no IFEVI a 15 agrupacións de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui nun espectáculo que puideron gozar preto de 7.000 persoas

14/01/2024

Fernández-Tapias no Certame de Rondallas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e responsable de Cultura, Marta Fernández-Tapias, asistiu no IFEVI á sexta edición do Certame de Rondallas da Área de Vigo, no que participaron 15 agrupacións de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui, que reuniron preto de 1.200 rondalleiras e rondalleiros nun espectáculo do que gozaron 7.000 persoas. A vicepresidenta provincial felicitou á Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo “por continuar, ano tras ano, desenvolvendo este espectáculo único en Galicia”, ás agrupacións gañadoras e ao resto de participantes, pois “demostrades que a cultura tradicional está moi viva. Fixestes que sentísemos a paixón que todos tendes por esta tradición musical única e por esta aposta por difundir a cultura, cultivar e preservar as nosas tradicións”.

As e os asistentes ao certame no IFEVI puideron gozar de máis de tres horas de rondallas, que demostraron as súas habilidades sobre o escenario ao son de música tradicional, pero tamén con versións de pezas modernas, con acordes de Bon Jovi, Guns and Roses, Piratas do Caribe ou cancións dos anos 80. “É para min unha alegría ver como, xeración tras xeración, seguides cheos de vitalidade e contades cunha gran atención por parte do público”, asegurou a responsable provincial de Cultura, ao tempo que fixo fincapé en que “seguirá sendo así durante moito tempo. Non hai máis que ver, por exemplo, que a próxima película de Daniel Sánchez Arévalo levará por título Rondallas”.

Fernández-Tapias aproveitou ademais a ocasión para amosar o apoio da Deputación “a todo o que supoña dinamizar a cidade de Vigo e potenciar a súa cultura. Estamos convencidos da importancia de impulsala, sobre todo a tradicional, e traballamos intensamente para poñela no lugar que lle corresponde”.