Luis López promociona na feira turística WTM de Londres as estratexias de desestacionalización e atracción de turismo estranxeiro do destino Rías Baixas

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro; establecen contactos con axentes e representantes de distintos territorios para seguir avanzando na internacionalización do turismo, unha das prioridades da Deputación

05/11/2024

Luis López na feira turística WTM de Londres

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, promociona as estratexias de desestacionalización e atracción de turismo estranxeiro do destino Rías Baixas na Feira World Tourist Market de Londres, un dos eventos de turismo de maior impacto do mundo. Ao longo das xornadas deste martes e mércores, o mandatario provincial, que está na capital inglesa acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, está a establecer contactos con operadores, medios de comunicación, alcaldes e alcaldesas de diversos territorios neste evento global co obxectivo divulgar os diversos atractivos da provincia e fomentar a captación de visitantes internacionais.

A presenza das Rías Baixas nunha das máis importantes feiras do sector turístico do mundo demostra o carácter prioritario que ten para o goberno provincial dar a coñecer o modelo de turismo que ofrece a provincia en foros internacionais. Unha oferta centrada no patrimonio natural e cultural chea de experiencias 100 % Rías Baixas coas que captar o interese de axentes internacionais que permitan consolidar á provincia como un destino turístico sustentable e atractivo os 365 días do ano, así como manter a tendencia á alza das cifras de visitantes estranxeiros rexistrada neste verán do 2024, onde o turismo internacional medrou nun 27,4 % con respecto ao pasado 2023.

Despois da participación no pasado mes de setembro en encontros de traballo con empresas do sector en Málaga e Madrid e cunha interlocución fluída co Clúster de Turismo de Galicia, a Deputación integra a súa proposta turística na programación que levou a este evento Turespaña, o organismo nacional encargado da promoción turística dos distintos territorios de España polo mundo. Coa súa presenza nesta feira WTM de Londres, o organismo provincial segue apuntalando a promoción do destino Rías Baixas en feiras e workshops con axentes nacionais e internacionais. Un evento que congrega cada ano a milleiros de profesionais relacionadas con este sector en todo o mundo. Só o ano pasado pasaron polo Centro de Exposicións ExCell de Londres máis de 43.000 asistentes de 184 países e rexistráronse 3.875 exhibidores cunha programación de máis de 80 conferencias.

O turismo é un dos eixos principais do goberno provincial, que coa posta en marcha da Estratexia Rías Baixas Turismo 61 ten en marcha un proxecto para potenciar ás Rías Baixas como un destino sustentable e desestacionalizado, así como explorar novas vías de crecemento e ofertar novos produtos que capten o interese dun turismo internacional que vai en liña ascendente na provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.